Aclaracións do BNG ao PP guardés sobre o novo acceso sur ao porto da Guarda
Anxo Baz: “Roberto, dirixa vostede a carta, non á miña persoa, se non ao Presidente da Xunta esixindo a execución do novo aceso sur ao porto da Guarda tan necesario”
Resposta do portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, ao candidato do PP da Guarda, Roberto Carrero.
Estimado Roberto Carrero:
Confésolle, que tiven que darlle varias lecturas a carta que vostede nos dirixe para saber que quería dicir, dada a súa tendencia aos panexíricos e mestura de temas sen sentido.
Procurarei ser o máis claro posible para aforrarlle tempo a vostede e, sobre todo, para que a veciñanza da Guarda saiba do que realmente debatemos, que é o que realmente lle interesa ao BNG.
O acceso ao porto da Guarda é unha infraestrutura fundamental para facer viábel o porto comunicándoo coa estrada de Circunvalación ao monte Trega, ámbalas dúas de titularidade autonómica.
Obras deste tipo son competencia da Xunta e iso non o discute ninguén, agás vostede. A Xunta de Galiza leva realizando melloras de acesos noutros moitos portos do país. Por que A Guarda é diferente?
Ante a parálise da Xunta de Galiza con este tema, a área de mobilidade da Deputación de Pontevedra, dirixida polo BNG, elaborou un proxecto para a realización dese novo acceso ao porto da Guarda para darlle un pulo definitivo e facilitarlle a Xunta de Galiza a execución deste proxecto.
Sorpréndenos o despistado que anda vostede cando se atreve a propoñer que os cartos que o Concello vai investir en Concepción Arenal debían gastarse no acceso ao porto, e dicir, nunha obra que nin a propia Xunta se atreve a discutir que é da súa competencia. Repase as actas do Parlamento galego.
A sorpresa é maiúscula cando toda a Guarda sabe que o PP leva máis de de 20 anos prometendo esta obra en cada proceso de eleccións e nunca fixo nada, nin no Concello, nin na Deputación, nin na Xunta..
Sr. Carrero, de verdadade, é vostede o candidato do PP á Alcaldía da Guarda ou simplemente se conforma con facer de parachoques do PP diante dos continuos incumprimentos da Xunta de Galicia co pobo da Guarda?
Resulta cómico Sr. Carrero, cando se refire a nós, como os socios do PSOE na Guarda. E dío vostede, que lle sacou as castañas do lume ao PSOE, cando tiveron a brillante idea de mercarlle a unha entidade bancaria a finca de Fínola, cando todos sabemos que o Concello pode ter eses terreos desenvolvendo o PERI número 5, vostede prefire despilfarraros cartos.
Sr. Carrero a carta debera enviarlla ao seu xefe, Sr. Feijoo, non a min, solicitando o financiamento e execución da obra, porque primeiro haberá que poñer os cartos e logo executala.
Déixese de palabrería barata e se hai alguén que lle faga algo de caso no PP, convénzao para que a Xunta execute o novo acceso ao porto dunha vez. É de xustiza.
Anxo Baz
Portavoz Municipal do BNG na Guarda.