O BNG presenta o primeiro tramo da candidatura das municipais preparado para frear o declive actual de Tui

1º tramo candidatura BNG Tui, municipais 2019
1º tramo candidatura BNG Tui, municipais 2019

"O BNG é a primeira organización política en presentar o primeiro tramo da candidatura ás eleccións municipais de 2019"

O BNG presenta o primeiro tramo da candidatura das municipais preparado para frear o declive actual de Tui

O BNG é a primeira organización política en presentar o primeiro tramo da candidatura ás eleccións municipais de 2019. A lista, aprobada en asemblea local aberta, estará encabezada por Carme Núñez (concelleira de patrimonio no governo anterior), actual portavoz municipal da formación nacionalista; reside na parroquia de Pexegueiro, traballa como médica de atención primaria no centro de saúde de Tomiño e é membro no Baixo Miño do colectivo ”Solidariedade Galega co Pobo Saharauí".
Para número dous escolleuse a Xosé Martínez Tato (concelleiro de medioambiente, limpeza, participación cidadá e do medio rural de Tui no anterior governo). Tato é veciño das Bornetas, está xubilado do sector do metal e é presidente da asociación-clube "Anda Tui-Rego da Pedra", alén de activista social e medioambiental.
O número tres da candidatura será ocupado por Ernesto Cañedo, veciñ@ de Baldráns, técnico de instalacións de liñas eléctricas. Ernesto foi delegado sindical do metal na CIG, membro da comunidade de montes de Baldráns, activista en diversas asociacións veciñais, membro da asociación "Amizade galego-cubana Francisco Villamil" ademáis de outros colectivos de solidariedade internacionalistas; activo colaborador en campañas na defensa do medioambiente e militante do Partido Comunista do Pobo Galego.
Como número catro o BNG apresenta a Alexandre Negro, veciño do casco histórico de Tui, técnico superior en comercio internacional e actualmente operario no sector da  automoción.
O número cinco estára ocupado por Ana Bernárdez, veciña de Pexegueiro, técnica superior en axencias de viaxes, guías, información e asistencias turísticas. É a actual responsábel comarcal de Galiza Nova no Baixo Miño e portavoz da Asemblea de Mulleres na comarca.
O BNG fixo público o primeiro tramo da candidatura que concorrerá ás eleccións municipais de 2019. Presentamos hoxe a primeira parte dun grupo de traballo que nace das asembleas locais, do diálogo con persoas independentes que se integran neste grupo para fortalecer o nacionalismo e recuperar o governo en Tui.
A candidata nacionalista volveu convidar a participación a través das asembleas abertas a todas as persoas preocupadas pola nefasta situación de Tui. "Porque cremos que é necesario desaloxar do Concello á dereita dirixida polo PP e os seus secuaces colocad@s ao servizo do amiguismo, das cacicadas e dos favores de quen governa. O PP deu un golpe para por os seus intereses partidistas por riba do interese xeral da veciñanza", sinalou a cabeza de lista do BNG en Tui.
O BNG fai un chamamento para construír e apoiar unha alternativa nacionalista e levar adiante un proceso que permita darlle un futuro digno a Tui. "Estou convencida de que a veciñanza sabe do bo traballo feito polo BNG durante o governo prévio á moción de censura. Agora pediremos o apoio da veciñanza para continuar ese traballo serio e constante, porque estamos en disposición de facer de Tui un concello de referencia: coa zona histórica rehabilitada, que beneficie o rexurdimento do comercio local, da hostalaría e do turismo; con parroquias vivas, que conten con infraestructuras dignas e con servizos básicos implantados. Un concello do que todas nos sintamos orgullosas e no que queiramos e poidamos traballar e vivir", apuntou Carme Núñez.


Encontros sectoriais para elaborar o programa

Neste sentido anunciou que o BNG celebrará encontros sectoriais para recoller propostas de todas as persoas e colectivos que queiran facer achegas para un cambio indispensábel e urxente no noso concello.

"Chegou o momento de relegar aos que so aspiran a sentar nun sillón para resucitar a política do oportunismo e da cobiza persoal. Partindo da experiencia destes anos, e collendo como referencia os 'concellos BNG', imos construír a nosa alternativa para mudar Tui”, concluíu Carme Núñez

 

O BNG presenta o primeiro tramo da candidatura das municipais preparado para frear o declive actual de Tui