O BNG presenta unha moción demandando o arranxo das deficiencias do novo Cetro de Saúde de Tui
"O BNG de Tui non vai aceitar os incumprimentos por parte da Xunta e non deixaremos de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as tudenses"
O modelo sanitario do Partido Popular non é un modelo novo, xa ten moitos anos de experiencia noutros países e comunidades, e xa temos certa experiencia do que pode pasar e, de feito, en Vigo sufrimos unha dupla dirección no hospital: por un lado, a empresa concesionaria e, pola outra, a parte sanitaria. Ambas as partes teñen que convivir e isto xera problemas de competencias. Alén diso, hai un problema moi claro: unha parte dos servizos non sanitarios pero esenciais para garantir a calidade da asistencia prestada contrátase con criterios de rendemento económico. No Reino Unido diminuíu o persoal de limpeza e incrementáronse as infeccións sanitarias, cando o Reino Unido era un modelo deste sentido. O cambio alí foi radical e agora conta cun plan de loita específico contra as infeccións sanitarias.
Na actualidade estamos a sofrir tamén no noso concello as consecuencias na mala xestión do Partido Popular no eido sanitario, pois, dese que abriu o novo Centro de Saúde en Tui, por certo, megaproxecto do anterior alcalde do Partido Popular, Moisés Rodríguez e actual parlamentario, que aínda carece de licencia de actividade, vemos a cotío as seguintes carencias:
-A sala de espera de urxencias é claramente insuficiente, pois so hai espazo para 10 persoas, véndose obrigados a agardar en corredores e en zonas que non son destinadas a tal fin dificultando o traballo do persoal sanitario.
-Na primeira planta do centro de saúde (zona de consultas) existen so 3 baños, dos cales ningún é para uso exclusivo do persoal sanitario, obrigando a compartilo, ou , en caso contrario , tendose que desprazar, o persoal sanitario, á planta menos un.
-Na zona de vestiarios ,de descanso e de comida do persoal sanitario de urxencias, hai un forte cheiro a sumidoiro o que fai imposíbel o traballo diario de xeito digno. Non esquezamos que as quendas laborais abrangue desde ás 15:00 horas até ás 08:00 do dia seguinte.
-A porta principal de acceso ao centro de saúde está situada cara ao norte , polo que os pacientes que realizan xestións na entrada reciben contínuas correntes de frío. A súa vez, esta entrada carece de pasarela de protección, e de sitio de aparcamento para poder descargar aos doentes. Por outra banda, polas mañás (até ás 15:00 horas) a porta de urxencias permanece pechada, polo que o persoal de ambulancias vese obrigado a rodear o centro de saúde ou, ben dar aviso,e agardar a que lle abran a porta de urxencias.
O BNG de Tui non vai aceitar os incumprimentos por parte da Xunta e non deixaremos de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as tudenses.
Con independencia doutras accións que poidamos levar a cabo nas vindeiras semanas, en función da evolución dos acontecementos, o BNG buscará o acordo unánime dos grupos con representación municipal, de tal xeito que fique aprobado o apoio plenario para esixir á Xunta de Galiza o arranxo das deficiencias do centro de saúde de Tui.