ÁNGEL BAZ: “É UNHA VERGOÑA QUE O PP VOTE A FAVOR DO ACESOS SUR NO CONCELLO E VOTE EN CONTRA NO PARLAMENTO GALEGO. O PP NON TEN VONTADE POLÍTICA PARA REALIZAR O ACESO AO PORTO TAN NECESARIO PARA A GUARDA”
O PP vota “en contra” da iniciativa do BNG de dotar de aceso sur ao porto da Guarda
O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento galego, por medio da deputada Montse Prado Cores, dentro da campaña que está a facer a formación nacionalista para dotar á Guarda dun aceso sur.
A deputada do BNG na Comisión de Pesca, quedou sorprendida ante a negativa do goberno do PP de levar adiante esta obra.
“O que lles molestou ao PP é que foi o BNG quen presentou esta iniciativa. Cheguei a propoñer a retirada da proposta e que fose o propio PP quen a presentase, para o que contaría co voto favorábel do BNG. Tampouco lles valeu”, comentou Montse Prado.
Para o BNG queda claro a dobre cara do PP, que di unha cousa no concello da Guarda e outra totalmente diferente na Xunta.
A iniciativa ía no mesmo sentido que a moción presentada polo BNG no Concello da Guarda e que foi apoiada por unanimidade dos membros, incluído o PP, onde se instaba ao Goberno galego a realizar un aceso sur para dotar dunha infraestrutura axeitada á actividade portuaria, xa que a rúa Concepción Arenal perdeu a súa condición de aceso ao porto para converterse nunha das rúas urbanas máis transitadas do pobo.
“O interese do PP polo noso pobo é cero. Esta era a oportunidade de demostrar que quere o Partido Popular e xa o vemos: que a Guarda siga a morrer por falta de infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG vai seguir traballando para que o aceso sur ao porto da Guarda sexa unha realidade dentro dun proxecto de pobo no que a accesibilidade é unha sinal de identidade da formación nacionalista.