Emenda do BNG aos Orzamentos da Xunta para o novo aceso ao porto da Guarda rexeitada polo PP
“O BNG denuncia a hipocrisía do PP: rexeita a realización do novo aceso ao porto da Guarda, mentres vota en contra da modernización de Concepción Arenal”
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2.018 na que destaca a petición dunha partida de cartos para realizar o novo aceso ao porto da Guarda. O resultado foi moi claro para o pobo da Guarda: voto en contra do PP.
O BNG considera que o PP queda inhabilitado como partido político para a defensa dos intereses da Guarda: “non se pode estar en misa e repicando, ou estás co pobo da Guarda apoiando a realización dun novo aceso ao porto ou rexeitas esta proposta condenando á Guarda a uns acesos propios do século pasado. O PP teno claro, prefire unha Guarda do pasado”, comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG na Guarda.
Dende o BNG, consideran que a realización deste novo vieiro é un dos aspectos fundamentais para que a transformación da Guarda sexa unha realidade.
“Coa construción dun novo aceso ao porto e a reforma de Concepción Arenal, estariamos a falar da transformación urbanística e social máis importante dos últimos anos. Sería entregar a Guarda aos seus habitantes e visitantes que recibimos cada ano”, comenta Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG a actitude do PP é incomprensíbel: vota en contra do convenio coa Deputación de Pontevedra para a modificación da rúa Concepción Arenal e rexeita a construción do novo aceso ao porto da Guarda.
O BNG ten claro que o novo aceso ao porto é unha prioridade para conseguir un proxecto de pobo aberto, un pobo no que andar, utilizar a bicicleta non sexa unha actividade de risco, onde as persoas con mobilidade reducida non teñan que sufrir para poder saír da casa. En definitiva, un pobo no que sexa agradábel vivir e camiñar.
“Como BNG conseguimos sacar esta infraestrutura do PXOM, agora é a Xunta quen ten que comprometerse a realizala, pero lonxe disto, di non a todo”, sinala Ángel Baz.
Para o BNG é unha pena que o PP non entenda a necesidade desta obra. Os guardeses e guardesas tomarán nota e seguro que non esquecerán o sucedido.
O BNG seguirá a reivindicar un novo aceso ao porto da Guarda que libere de tráfico a rúa Concepción Arenal para convertela nun motor de dinamización social e comercial baixo criterios de mobilidade universal.