O PP e Portos de Galicia esquivan as demandas do BNG para o novo acceso ao porto da Guarda
“É inaudito que o novo aceso ao porto non estivese na axenda da reunión entre o Alcalde da Guarda e o Director de Portos de Galiza”
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO considera unha oportunidade perdida a reunión que mantiveron o Alcalde da Guarda do PSOE e o Director de Portos de Galiza do PP hai uns días na Guarda. O BNG lembra que xa van catro visitas no que vai de ano e ningunha mención seria sobre o novo acceso ao porto da Guarda.
Para o BNG queda claro que tanto para o PP como para o PSOE non é prioritario o novo acceso ao porto guardés, dado que non transcendeu absolutamente nada nos medios sobre esta infraestrutura fundamental para o futuro desenvolvemento do concello da Guarda. Un acceso digno, acondicionado para desenvolver o porto como motor económico da Guarda.
O BNG quere lembrar que existe un acordo plenario, trala moción presentada polos nacionalistas, para a posta en marcha dun proxecto para a realización dun acceso ao porto da Guarda distinto ao que temos actualmente, dado que a rúa Concepción Arenal perdeu tal condición de acceso portuario para ser unha das rúas máis transitadas do concello.
“O PP e o PSOE xogaron co acceso ao porto durante décadas e seguen a xogar. Non entendemos porque outros portos melloraron os seus accesos e o da Guarda non. A caso non ten dereito o noso sector pesqueiro a estas melloras para poder seguir traballando?”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda.
A proposta do BNG que desvincula o aceso sur do PXOU tendo a Xunta as competencias para a súa construción. Agora é o momento de que o PP salde a débeda histórica que ten coa Guarda e poña os cartos para realizar esta obra.
O BNG seguirá reclamando tanto ao Concello da Guarda como ao goberno da Xunta un compromiso firme para a realización do novo aceso ao porto da Guarda, como infraestrutura fundamental para o desenvolvemento do futuro do concello.