“O BNG ESÍXELLE AO PP QUE A XUNTA CUMPRA COA GUARDA E, COMO FIXO A DEPUTACIÓN CON CONCEPCIÓN ARENAL, SE COMPROMETA A FINANCIAR UN NOVO ACCESO AO PORTO PARA EVITAR QUE O TRANSITO PORTUARIO PASE POLO CENTRO DA VILA”
Satisfacción no BNG pola aprobación do convenio para unha transformación histórica da rúa Concepción Arenal na Guarda
“Angel Baz amosase satisfeito que o PSOE mudase esa visión curtopracista inicial e decidise finalmente apostar por este proxecto transformador redactado pola Deputación”
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO amósase satisfeito pola aprobación no pleno, cos únicos votos favorábeis do PSOE e do BNG, do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da Guarda para a reforma da rúa Concepción Arenal, que vai posibilitar un investimento histórico no noso concello.
Este proxecto é fundamental para a cambio de modelo urbano do concello da Guarda porque transformará unha estrada no medio da vila nun espazo público pensado por e para as persoas, xerando dúas prazas públicas e creando espazos con accesibilidade universal para favorecer a mobilidade peonil e ciclista.
Para o BNG, o concello da Guarda debería de aproveitar esta actuación da Deputación para implementar outra serie de medidas que vaian na liña de facer da Guarda un exemplo de mobilidade sustentábel, como a limitación do transito de vehículos no centro, xeración de aparcadoiros disuasorios, zonas 30, fomento de camiños escolares, etc.. medidas xa analizadas e propostas no plan de mobilidade.
“O proxecto de Concepción Arenal vai na liña do noso modelo para A Guarda, transformándoa nunha vila para as persoas, no que a xente se encontre na rúa, e se aposte polo comercio local. Desde o BNG pedirémoslle ao goberno municipal que aproveite esta oportunidade e continúe nesta liña”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda.
Esta obra vai reportar ao Concello da Guarda uns investimentos de máis de 1.100.000 € da Deputación de Pontevedra dunha obra que custa 1.600.000 €, algo que non se vía en todos estes anos de goberno do PP.
O convenio aprobado polo pleno da Guarda é froito do compromiso do Deputado de Mobilidade, o nacionalista Uxío Benítez, quen deixou de manifesto que o proxecto de transformación da rúa Concepción Arenal debería sinalar un antes e un despois para o futuro da Guarda.
Aceso novo ao porto da Guarda
A transformación de Concepción Arenal debe vir acompañado de outra grande infraestrutura como é o novo acceso ao Porto da Guarda, do que a Deputación está redactando o proxecto. O porto da Guarda necesita dun novo aceso directo para que ás actividades portuarias poidan desenvolverse porque non ten sentido que o tránsito cara o porto se faga a través dunha rúa no medio da vila.
“Un novo acceso ao porto é posíbel e depende do PP, que debería preocuparse de conseguir que o Goberno da Xunta poña cartos enriba da mesa para dotar ao noso porto dun acceso decente, que impulsen as actividades económicas no porto, dado que teñen competencias directas e xa o fixeron noutros lugares”, comentou Ángel Baz.
O BNG vai seguir traballando para que a Xunta se comprometa a dotar unha partida para a execución do novo aceso ao porto da Guarda.