O BNG considera deficiente a rehabilitación da rúa Manuel Álvarez na Guarda
Con esta obra a Guarda volve a perder máis de 500 m² de espazos para o paseo de persoas
O Bloque Nacionalista Galego considera insuficiente o proxecto de rehabilitación que está a levar a cabo o grupo de goberno do PSOE na rúa Manuel Álvarez.
Para o BNG estamos ante unha das poucas rúas de amplas e axardinadas beirarrúas que ten a Guarda e que en breve pasará a ser outro exemplo máis de despropósito urbanístico guardés.
O proxecto de rehabilitación que está a levar a cabo o PSOE consiste basicamente no recorte das beirarrúas duns 500 m² para destinar a aparcamento e a renovación das acometidas das casas e edificios. Resulta sorprendente que nin tan sequera se vaia a modificar a totalidade do firme das beirarrúas, unha obra que debera permanecer no tempo.
Para o BNG esta obra é claramente insuficiente e na liña dos anteriores gobernos do PP e do PSOE, coa teima de atallar con solucións fáciles e á lixeira problemas de ordenación urbanística, convertendo a Guarda nun vello Scalestrix de carreiras sen pés nin cabeza.
Nós cremos noutro xeito de construír pobo, temos como modelo aos gobernos de Tomiño e Pontevedra: souberon transformar as súas poboacións para poñelas ao servizo das persoas, cidades e pobos para vivilos, algo que o Alcalde da Guarda aínda non é capaz de comprender, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG considera que o PSOE e o PP teñen tomado decisións erróneas que levan hipotecando á Guarda dende hai anos: Concepción Areal, Rúa do Porto, Alameda, ... cunha visión do urbanismo desfasado e usando vellas fórmulas sen ningunha programación e deixando á improvisación, tal e como está a suceder coa rehabilitación de Manuel Álvarez.