“O PLAN DE MOBILIDADE SOSTÍBEL DEBE DE IR ACOMPAÑADO DUN CAMBIO DE MENTALIDADE Á HORA DE INICIAR CALQUERA INICIATIVA EN MATERIA DE URBANISMO”
Aprobada a moción do BNG para un Plan de Mobilidade Sostíbel na Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción no pleno ordinario de xullo para que dende o concello se realizase un Plan de Mobilidade Sostíbel para a Guarda. A moción nacionalista foi aprobada pola unanimidades das formacións políticas.
“Debemos afondar en programas de mobilidade sostíbel que tan bos resultados está a dar en concellos gobernados polo BNG como Tomiño ou Pontevedra”, sinala Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG o plan de mobilidade sostíbel debe ser a base de políticas encamiñadas á mellora das contorna nas que habitamos, debemos ter como referente o dereito que cada persoa ten de moverse libremente que garanta a maior independencia posíbel, dando prioridade a aqueles colectivos máis sensíbeis como os nenos e nenas, persoas maiores ou persoas con mobilidade reducida.
A remodelación de Manuel Álvarez un mal exemplo
O BNG advirte ao goberno municipal do PSOE que actuacións como a que se realizou na rúa Manuel Álvarez son contrarias este acordo plenario.
O BNG xa advertiu no seu momento da perda de espazo para os viandantes en favor dos coches, algo que é contrario á finalidade do Plan de Mobilidade Sostíbel na Guarda.
Para o BNG a actuación levada acabo na rúa Manuel Álvarez por parte do goberno do PSOE é claramente insuficiente, cun recorte das beirarrúas duns 500 m², en vez de ir a un proxecto máis ambicioso no que as persoas sexan os auténticas protagonistas da rúa.