“O BNG FAI COINCIDIR OS RESULTADOS DO PLAN DE MOBILIDADE AO MODELO DE VILA QUE PRETENDE PARA O FUTURO DA GUARDA”
O BNG explica o seu modelo de concello diante do comercio guardés
Este mércores día 15 de marzo, o BNG presentou ao comercio guardés o modelo que pretende desenvolver na Guarda que garante o futuro do concello, nun acto que estivo conducido polos concelleiros do BNG, Angel Baz e Xan Lois Lomba.
Trala presentación do Plan de Mobilidade por parte do equipo redactor aos distintos grupos municipais, o BNG quere achegar a súa propia valoración do mesmo aos distintos colectivos sociais a través de asambleas sectoriais que empezaron cos comerciantes de Concepción Arenal e a súa contorna.
“ Todo o que sexa desviarse deste texto é dar un paso atrás na calidade de vida dos guardeses e guardesas e na competitividade da pesca, turismo e comercio”, manifestou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Bolsas de aparcamento disuasorio, peatonalización do casco antigo, rutas escolares seguras, melloras en accesibilidade e na conexión do centro cas parroquias e un vial de acceso Sur ao porto forman parte das medidas que afondan nun modelo de poboación deseñada dende a visión dos colectivos máis sensíbeis como nenos e nenas ou persoas con mobilidade reducida.
“O plan de mobilidade fundamentalmente é un cambio radical na forma de urbanizar que seguiu A Guarda nos últimos 40 anos. É unha aposta decidida por un modelo máis sustentábel, saudabél e de resultados fácilmente contrastabeis”, apuntou o portavoz nacionalista.
Dende o BNG ven con incredulidade como o alcalde da Guarda segue aferrándose á idea do doble sentido de circulación en Concepción Arenal, centro neurálxico do comercio guardés, cando o propio plan de mobilidade o desaconsella rotundamente e o comercio da zona tampouco comparte. Esta é a conclusión que quita a formación nacionalista trala reunión mantida cun nutrido número de comerciantes que fixeron as súas achegas e conclusións, todas elas identificadas no plan de Mobilidade.