O BNG pregunta ao Alcalde porque a Guarda non participa no proxecto Rede cidade nos nenos
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa no rexistro do concello na que solicitaba cales eran os motivos polos que o Concello da Guarda non se adheriu ao proxecto Rede cidade dos nenos promovido pola Deputación de Pontevedra.
Este proxecto está encamiñado a facer as poboacións máis vivíbeis e habitábeis. Estes proxectos de mobilidade sostíbel fan que as nosas cativas, maiores gañen en autonomía, converten as nosas vilas en lugares moito máis accesíbeis para persoas con ou sen problemas de mobilidade e, sobre todo, son espazos máis sociábeis en termos de igualdade. Espazos onde alternar coas persoas, practicar deporte, pasear, ...
Programas levados adiante polos gobernos do BNG dan prioridade ás persoas, en especial a aqueles colectivos máis sensíbeis como nenos, maiores ou persoas con mobilidade reducida, deixando sempre nun segundo plano aos coches ou calquera outro vehículo. Exemplos son Pontevedra onde o 85% dos nenos e nenas van a escola andando ou Tomiño cunha peonalización da Praza do Seixo que dinamizou toda a zona.
Seguen a facer obras de urbanización sen planificación, sen programación como hai 30 anos, para poder ter algo que vender nas próximas eleccións municipais. Mentres, vemos como noutros lugares, Tomiño ou Pontevedra, levan unha liña de transformación que fai que sexan polos de atracción de poboación, porque fan cidades para vivilas, comentou Ángel Baz portavoz municipal do BNG na Guarda.
Para o BNG resulta sorprendente que o Goberno municipal do PSOE non se fixera eco desta iniciativa e participase activamente, sabendo os graves problemas de xestión de tráfico, aparcamentos e planificación urbanística que ten este concello.