O BNG de Oia recolle sinaturas para que a praza do franquista José Solís Ruíz se chame" Matrona Xulia Suárez"
O BNG incia unha campaña en Oia de recollida de sinaturas defendendo que a praza do franquista José Solís Ruíz pase a chamarse" Matrona Xulia Suárez"
O próximo 18 de xullo de 2017 cúmprense 81 anos do golpe de Estado militar contra o réxime democrático vixente no Estado español. Un levantamento militar que en Galiza foi orixe dunha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da Ditadura franquista.
As institucións públicas deben ter un posicionamento claro de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas ao longo dese terribel período histórico.
No caso dos concellos , existe ademáis unha obriga ética e política clara a este respecto porque, por unha parte, dirixentes políticos destas institucións e persoal ao seu servizo foron obxecto de represión e persecución en forma de asasinato, cárcere, depuración e outras múltiples formas de violencia. E, por outra, as institucións locais foron parte do aparato administrativo e político que impuxo a Ditadura, o terror e a toda a súa parafernalia simbólica en Galiza.
Por iso desde O Bloque Nacionalista Galego non podemos comprender como en pleno 2017 o Concello de Oia pode manter unha praza coa denominación franquista "José Solís Ruíz", xusto ao carón desta institución pública incumprindo así a Lei de Memoria Histórica.