Proposta do BNG sobre o Porto da Guarda aceptada polo Concello da Guarda
O BNG congratúlase expoñendo que é unha proposta económica e efectiva para a mellora da contorna do porto da Guarda
O Bloque Nacionalista Galego congratúlase polo anuncio do alcalde da Guarda na última comisión de urbanismo na que acepta a proposta de peonalización presentada polo BNG para o porto da Guarda.
Ante a falta de entendemento e concreción entre Portos de Galiza e o Concello da Guarda, o BNG optou por falar con veciños e veciñas, así como o sector da hostalaría e chegar a unha proposta economicamente viábel e burocraticamente sinxela.
Na última Comisión de Urbanismo á preguntas do portavoz do BNG, Ángel Baz, o alcalde da Guarda confirmaba finalmente que se vai optar pola proposta do BNG para que antes do verán a rúa do Porto sexa peonil.
Así haberá horarios de carga e descarga para veciñanza e profesionais, mecanismos manuais para limitar o tráfico rodado fóra deses horarios, instalación de mobiliario urbano para converter a rúa nunha zona de lecer.
Coa nosa proposta a rúa do Porto deixará de ser un espazo invadido polos coches para ser o lugar de encontro e lecer para a que sempre debeu ser concibida comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG é unha pena a tardanza do alcalde da Guarda en aceptar a proposta do BNG, porque xa estaría en funcionamento en Semana Santa.
Dende o BNG estaremos vixiantes para que todas estas iniciativas se leven a cabo de tal xeito que garantan a seguridade das persoas que pasean e gozan polo porto da Guarda.