O BNG presentou aos veciños e veciñas do porto da Guarda a súa proposta de peonalización
Ángel Baz: o noso proxecto é de rápida execución, eficaz e economicamente viábel
O Bloque Nacionalista Galego realizou unha Asemblea Aberta para informar aos veciños e veciñas da zona do porto da proposta de mellora da rúa que o BNG presentou no Concello da Guarda e en Portos de Galiza.
Diante dun nutrido público, o grupo municipal do BNG, encabezado polo seu portavoz, Ángel Baz, foron detallando unha proposta eficaz, económica e de rápida execución. Así, entre as medidas estarían: a colocación duns portais-testos nos extremos da rúa, a regulación de horarios de carga e descarga limitado, así como a dotación de elementos e mobiliario urbano que lle aporte unha imaxe máis peonil e faciliten o goce da mesma como poden ser bancos, bambáns, testos con plantas, ...
Durante a reunión produciuse un interesante debate de opinións e de ideas na que varias persoas solicitaron que se actúe, dado que é unha cuestión de vontade política, recoñecendo que a proposta dos nacionalistas era realista e práctica.
O portavoz municipal do BNG, Ángel Baz, deixou claro que xa é hora de que tanto Portos de Galiza e o Concello da Guarda deixen de marearnos. Nós presentamos algo que se pode facer, sen moitos cartos e se hai intención política de levalo a cabo.
Aumento das sancións na ordenanza do lixo
Os negocios do Porto síntense discriminados pola unha catalogación de clase A que ten como consecuencia un importante incremento nas taxas do lixo, cando non reciben un servizo acorde.
Dende o BNG sinalouse que había aspectos da antiga ordenanza que non se entendían, como a diferente catalogación de establecementos hostaleiros, algo que se mantén na actual reforma. Outra das cuestións é o incremento económico das sancións podendo ser de até 3.000 nos casos máis graves.
Sae máis barato unha infracción urbanística que colocar un letreiro na rúa, comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG.
O BNG deixan claro que a modificación que pretende levar adiante o PSOE non é do seu agrado, prima a sanción sobre a busca de alternativas para mellorar a xestión do lixo, polo que ou moito cambian as cousas ou o BNG non vai apoiala.