"O BNG responsabiliza ao Alcalde do Rosal do atraso do comezo de curso no CRA María Zambrano"
"Desidia e falta de planificación do Alcalde e do seu grupo de goberno, que sen xustificación algunha mantiveron as escolas en obras unha semana despois de comenzar o curso"
O BNG observa con preocupación o retraso nas obras de reparación que se veñen realizando no CRA María Zambrano, facendo responsábel ao alcalde do Rosal e ao grupo de goberno do PP.
A substitución dos tellados das escolas do CRA María Zambrano realizada con fondos da Deputación Provincial de Pontevedra por un importe de 140.303 € son para a Portavoz municipal do BNG, Ánxela Fernández, "unha obra absolutamente necesaria para as escolas do Rosal. Mágoa que esta importante obra, se vexa embazada pola desidia e falta de planificación do Alcalde do Rosal e do seu grupo de goberno, que sen xustificación algunha mantiveron as escolas en obras unha semana despois de comenzar o curso, impedindo deste xeito que comezara o curso no CRA María Zambrano -aínda hoxe a escola de Tabagón non rematou as obras"- comenta a portavoz dos nacionalistas.
"Cando falo de desidia e falta de planificación" -enfatiza a nacionalista- é porque estando aprobada esta obra o 24 de febreiro de 2016, houbo tempo máis que suficiente para executala en períodos de vacacións escolares sen necesidade de suspender as clases, máxime cando se trata de centros separados nos que se puideron acometer as obras en distintos períodos de vacacións. Por non dicir que puideron comezar o 1 de xullo en vez do 11 de xullo co que ganarían 10 días e o problema estaría solucionado".
Por último Ánxela Fernández, manifesta que non entende como a Consellería de Educación da Xunta de Galiza, permite este descontrol nun centro da súa titularidade.