O BNG esixe ao Concello e á Xunta proxecto integral para a Praza de Abastos da Guarda

P1050148
Ángel Baz, portavoz municipal do BNG

 “O BNG leva anos solicitando partidas nos orzamentos á Xunta para un proxecto integral e o PP di non, mentres outros concellos inauguran prazas modernas e cun modelo diferente”

O BNG esixe ao Concello e á Xunta proxecto integral para a Praza de Abastos da Guarda

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO insta ao Alcalde da Guarda e á Consellería de Comercio a afrontar un proxecto de futuro serio para revitalizar a praza de Abastos da Guarda.

“Viñeron inaugurar un ascensor, cunha praza baleira e obsoleta. Non se pode seguir con esta política de parches. A Guarda necesita unha praza moderna, cun novo modelo, tal e como fixeron noutros concellos, como Tomiño. Para iso necesitamos o compromiso do Concello e da Dirección Xeral de Comercio”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

Dende a formación nacionalista, considérase que hai que afrontar un proxecto ambicioso dentro dunha nova visión para a praza de Abastos. Unha praza que debe estar integrada dentro dunha contorna onde as persoas sexan as protagonistas, atractiva aos potenciais compradores e consumidoras, así como un atractivo para o turismo.

Para o BNG, as actuacións que se levan realizando na praza de Abastos, son meros parches, realizados sen informar aos praceiros e praceiras, que non coñecían as obras a realizar e sen telos en conta.

“Temos claro que calquera actuación na Praza de Abastos debería empezar pola redacción dun proxecto-estudo realizado por especialistas e non dando paus de cego”, subliña Ángel Baz.

O BNG insta ao PP que abandone a actitude do NON polo NON, tal e como levan facendo coa proposta do novo aceso ao Porto da Guarda ou coa reforma de Concepción Arenal.

Os nacionalistas esixen un compromiso serio ao Partido Popular para afrontar unha reforma integral da Praza de Abastos que asegure unha viabilidade dos negocios e que potencie esta infraestrutura como un referente comercial e turístico para a Guarda.

O BNG esixe ao Concello e á Xunta proxecto integral para a Praza de Abastos da Guarda