O BNG insta ao PP a abandonar a demagoxia e esixir cartos a Feijoo para un novo aceso ao porto da Guarda

Ángel Baz, portavoz municipal do BNG
Ángel Baz, portavoz municipal do BNG

 “O BNG acusa ao PP de cinismo político ao falar dos cartos que ten que poñer o concello en Concepción Arenal, cando a Xunta non pon un euro para a construción do novo aceso ao porto da Guarda”

O BNG insta ao PP a abandonar a demagoxia e esixir cartos a Feijoo para un novo aceso ao porto da Guarda

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO insta ao grupo municipal do PP a abandonar a demagoxia na que está instalada para demandar á Xunta de Galiza e ao Presidente Feijoo que poñan cartos enriba da mesa para construír o novo acceso ao porto da Guarda.

O BNG considera que o PP está utilizando de xeito totalmente demagóxico as porcentaxes de custo da obra de remodelación de Concepción Arenal, para esconder a súa incapacidade e falta de proxecto político para a Guarda.

Hai que lembrar que grazas a unha nefasta xestión do PP, que agravou os problemas que xa tiña o casco urbano guardés, a Deputación volta a investir 1.100.000€ para realizar un proxecto pensado nas persoas.

“Queda claro a falta de proxecto cando aínda pensan que o futuro do noso concello pasa porque os camións e autobuses suban e baixen por Concepción Arenal, algo que os expertos en materia urbanística e de mobilidade desaconsellan”, comentou Ángel Baz portavoz municipal do BNG.

Tal e como leva sinalando o BNG, a rúa Concepción Arenal pasou de ser unha estrada de aceso ao porto da Guarda, de aí a propiedade da Deputación, a ser unha rúa dentro do casco urbano de carácter vertebral. Esta disfunción leva aparellado unha serie de servizos que son de ámbito municipal e que en boa medida debera pagar o Concello, como o saneamento, iluminación, abastecemento, ...

“O proxecto de Concepción Arenal ten máis dun 40% de custes de servizos urbanos, é dicir, de competencia municipal. Polo que facendo contas non sae tan mal este convenio”, sinalou Ángel Baz.

O BNG quere lembrar que estas porcentaxes son as mesmas en concellos de distinta cor política, todo o contrario ao sistema de amiguismo que estivo a utilizar o PP na Deputación con Louzán á cabeza.

Novo aceso sur ao porto

O BNG lembra que é precisamente a Deputación de Pontevedra, dende a área de Mobilidade e Cooperación dirixida polo nacionalista Uxío Benítez, quen está redactando un proxecto para o novo aceso ao porto da Guarda.

“O PP guardés debera estar esixindo aos seus compañeiros na Xunta unha partida para a execución deste novo aceso que desafogue o tráfico de Concepción Arenal abrindo un abano de oportunidades para esta rúa como referente para a Guarda”, destacou Ángel Baz.