A Guarda é "Concello libre de circos con animais" trala proposta do BNG
"Asistimos a un ridículo sen precedentes do Alcalde da Guarda negándose a apoiar a moción do BNG"
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para a prohibición da instalación de circos con animais no concello da Guarda. A moción foi aprobada coa abstención do Alcalde da Guarda e do PSOE.
Para o BNG o uso de animais en espectáculos como os circos son dos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna salvaxe.
"O Alcalde da Guarda intentou instrumentalizar a contestación social á presenza dun circo hai uns meses presentando unha moción que foi sobrepasada pola do BNG, tanto no fondo como na forma", comentou o concelleiro do BNG, Xan Lois Lomba.
Para o BNG os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etiolóxicas e naturais.
O BNG sinala que no último pleno ordinario celebrado en xaneiro puidemos asistir a un dos episodios máis esperpénticos protagonizado polo Alcalde da Guarda e o seu goberno coa abstención na moción presentada polo BNG, que prohibe a instalación de calquera circo con animais no concello. O PSOE volveu utilizar os mesmos argumentos que cando o BNG presentou a mesma moción evotou en contra, permitindo así a instalación este outono dun circo con animais na Guarda.
"Dende o BNG queremos agradecer a particulares e colectivos o apoio dado e a forza que exerceron para que entre todos e todas consigamos que a Guarda non volva a ter circos con presenza de animais. Unha pena que o alcalde da Guarda non estivera a altura da situación", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.