O BNG critica o desinterese do PSOE pola promoción da figura de Rosalía de Castro na Guarda
Entre a abstención do PP e o desinterese do PSOE, o mes de Rosalía pasará desapercibido
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para a promoción da figura de Rosalía de Castro que saiu aprobada coa absteción do PP.
O BNG leva anos presentando no primeiro pleno do ano unha moción para a promoción da figura da escritora galega máis universal. Mais cando o ano pasado parecía que por fin o goberno local do PSOE decidíase a pór en valor a figura da nosa poetisa apoiando a moción do BNG, tal e como vimos comprobando quedou nun mero xesto para a galería.
Para o BNG a actitude do grupo de goberno do PSOE é de dobre cara, por unha banda aproba as mocións do BNG para a promoción da imaxe de Rosalía de Castro, tal e como acaba de ocorrer no último pleno, e logo non fai apenas esforzos para cumprila.
A falta de interese pola figura de Rosalía de Castro amosado polo grupo de goberno do PSOE, xa non só é extensíbel ao Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, se non que tamén podemos facelo á súa concelleira de Cultura Elena Baz Rodríguez.
Dende o BNG vese con preocupación que a concelleira de cultura diga que a figura de Rosalía vai estar representada cos actos que nos dea tempo facer.
A falta de planificación sobre os actos da figura de Rosalía de Castro, soamente amosa: ou incapacidade ou falta de interese. Tamén poden ser as dúas comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG.
O BNG entende que a concelleira de cultura, que ten unha dedicación parcial, ten que presentar un programa de actos ou eventos traballado dende hai meses, contactando coas asociacións culturais, colexios, escolas e promovendo dende unha simple pancarta no concello até lecturas, murais e conferencias sobre a figura de Rosalía de Castro.