BNG e traballadores de J. Castro s.l. piden altura de miras nas negociacións co estaleiro
O BNG tivo unha reunión cos traballadores do estaleiro J.Castro s.l. na que se expuxo a preocupación que hai entre os traballadores polo futuro da empresa e dos seus postos de traballo.
O BNG está tendo unha intensa actividade para mediar entre as partes, polo que tamén tivo unha reunión co propio Alcalde da Guarda sobre a situación actual da empresa.
Dende o Bloque Nacionalista Galego vese con acerto a decisión tomada polo alcalde da Guarda en mediar no conflito entre a entidade menor de Camposancos e a empresa.
Ábrese unha nova canle de comunicación entre as partes que non foron quen de chegar a un acordo nos últimos anos e que prexudica gravemente aos traballadores que levan sufrindo toda clase de apuros habidos e por haber, manifesta o voceiro do BNG Ángel Baz.
O BNG lembra que este grupo de persoas lonxe de se render hai catro anos, cando o estaleiro estaba quebrado, buscaron un proxecto de viabilidade. Agora estamos ante a oportunidade de que ese proxecto cobre forma e amplíe o seu cadro de persoal polo que é urxente que se realice unha regularización e se asine un convenio que beneficie a todas as partes implicadas.
O traballadores que non dan creto a unha situación esta, insólita e intolerable dado que J.Castro posiblemente sexa un dos poucos estaleiros onde a falta de carga de traballo non sexa o motivo de risco inminente de quebra.
Ante isto o BNG propuxo a creación dunha mesa co obxectivo de chegar a un acordo onde estiveran representados todo os grupos políticos con representación na Entidade Menor, representantes da Empresa e dos traballadores.
O BNG solicitou celeridade ao alcalde da Guarda na mediación entre as dúas partes na procura da solución definitiva. A mesma celeridade que demandan os traballadores , sabedores de que a sinatura dun convenio, facilitaría a contratación da construción dun novo barco que empezaría xa, multiplicando por dous a oferta de postos de traballo.