O BNG solicitou a limpeza e mantemento da zona de Solanas
Para o BNG esta zona é igual de importante que o resto da vila
O BNG presentou un escrito no rexistro do concello da Guarda para solicitar que se realizase a limpeza da zona de Solanas.
Temos recibido un gran número de queixas dos veciños e veciñas da Guarda sobre o estado de abandono das xardineiras e limpeza en xeral da zona de Fedorento e a Rúa o Rosal, dende o Muño até a Baixada á Praia. As xardineiras non funcionan como tal dende hai anos, o acceso ás rochas para os pescadores ou bañistas está sen desbrozar e en certos puntos, coma un sumidoiro sen tapar ou roto en algúns tramos (Fronte a Pedra dos Corvos) faise perigoso para a integridade das persoas.
O Goberno municipal debe acometer unha intervención seria nesta zona, dado que algúns problemas son de índole ambiental e pode causar prexuízos serios para o propio concello, comentou Ángel Baz, portavoz do BNG.
Dende o BNG mantemos que estes barrios deben de ter unha imaxe acorde ao resto das zonas da vila, que as súas infraestruturas non deben de ser esquecidas polo goberno local, esiximos un mantemento continuo ao longo de todo o ano e facendo fincapé na época que nos ocupa, a de maior auxe de visitas na nosa vila, xa que esta zona é unha das máis visitadas pola riqueza paisaxística natural, e que debería ter o seu reflexo nas infraestruturas da zona.
Con todo, o BNG solicitou que se leven a cabo as obras de mantemento e limpeza da zona, así coma o arranxo do devandito acceso ás rochas e que se tape e solucione o problema do sumidoiro que está roto e que supón un gran problema para as persoas.