O BNG informa sobre a instalación dunha macro-antena en Camposancos
Para o BNG a tramitación xera moitas dúbidas e a desaparición dos Alcaldes do PSOE non tranquiliza ao pobo de Camposancos
O Bloque Nacionalista Galego realizou unha Asemblea Aberta en Camposancos para informar aos veciños e veciñas da instalación dunha estación base de telefonía móbil no lugar coñecido como Cabo da Veiga, preto do cemiterio de Camposancos.
Ante unha sala ateigada de veciños e veciñas de Camposancos os membros do grupo municipal do BNG foron detallando as dúbidas que saltan a vista ao examinar o expediente da antena de telefonía móbil.
O primeiro que hai que indicar son as dimensións da antena, 40 metros de altura soamente comparábel coas antenas do monte Trega ou das chemineas da antiga fábrica de Santa Tecla na Catanga, que fan desta unha instalación de proporcións considerábeis que se pretende colocar a uns 15 metros da estrada principal.
Outra das cuestións é como houbo un cambio na postura da Consellería de Medio Ambiente do PP, nun primeiro instante informou negativamente para rematar informando favorablemente co único soporte dun informe da propia empresa telefónica. Iso si, en todo momento os informes da consellería falan dun impacto paisaxístico considerábel.
Para BNG resulta estraño a falta de alternativas de colocación da macro-antena por parte da empresa telefónica.
Na reunión os veciños e veciñas rexeitaron a instalación dunha antena de semellantes dimensións. Entre outras preocupacións amosáronse as relacionadas coa saúde, a seguridade ante un posíbel accidente ou o valor das propiedades no caso de que finalmente se instale aí.
O BNG, ao igual que manifestou a veciñanza, que en ningún momento cuestiona o dereito a mellorar a cobertura da zona, pero o que si se cuestiona é a falta de alternativas.
Para o BNG existen moitas lagoas nesta tramitación, así comprometeuse a presentar un escrito no concello para que se aclaren todas as dúbidas existentes e que se busquen outras opcións antes ca instalación que se prevé facer.[gallery ids="627,626,625,624,623,622"]