O BNG acusa ao PSOE de non ter proxecto para a promoción de emprego na Guarda
O BNG pula por un modelo de promoción de emprego que beneficie á maioría da Guarda
O Bloque Nacionalista Galego considera escaso o interese que levanta o programa de formación Laboratorio de ideas presentado polo Alcalde da Guarda.
Hai escasas datas o BNG presentaba unha moción alertando da perda de cursos pola falta de aulas acondicionadas, así como das pautas erráticas que segue o goberno do PSOE na procura de cursos discriminatorios e custosos para o concello. Hoxe vemos como a ampliación do prazo de inscrición do programa laboratorio de ideas confirma o escaso interese e a denuncia realizada polo BNG no seu momento.
Para o BNG a Guarda necesita un modelo de promoción de emprego e formación de persoas que atenda á maioría da poboación que demanda dunha capacitación para poder optar a un posto de traballo, ben sexa por conta allea ou ben sexa por medio do denominado autoemprego.
Gastan cartos do concello en formación de dubidosa eficacia mentres perdemos cursos gratuítos, que poden atender a maioría da poboación, por non ter as instalacións municipais en condicións, comentou Ángel Baz portavoz municipal do BNG.
Dende o BNG pulamos por un modelo de formación e de promoción de emprego que dea saída ás maiorías sociais, que son as que máis sofren a crise debido á falta de ferramentas para poder saír adiante.
Agardamos que dende o goberno municipal do PSOE cumpra canto antes o compromiso adquirido ao aprobar a moción do BNG, para que a Guarda dispoña de cursos e obradoiros homologados como acontece en concellos coma Tomiño, con máis de 17 homologacións.