Continuísmo e soberbia nos 100 días de goberno do PSOE da Guarda
O Bloque Nacionalista Galego fai unha valoración sobre os 100 primeiros días de goberno do PSOE na Guarda, dun goberno que ten no continuísmo e na soberbia como características fundamentais.
Para o BNG a falta de diálogo co pobo está sendo unha das características do goberno guardés do PSOE. A limpeza e xestión do lixo na zona do porto da Guarda e as obras que se están a realizar na praza de abastos son dous exemplos de como o goberno liderado por Antonio Lomba non é capaz de dialogar coas persoas afectadas para buscar unha solución ao mesmo.
Na xestión do lixo do Porto, non escoitaron a ninguén e remataron por botar a culpa aos restaurantes. En canto a praza de abastos, é impresentábel que se iniciasen as obras sen ter informado aos praceir@s de que se ía facer e como se ía executar, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda.
O goberno do PSOE sen proxecto político
Outra das características deste goberno é o continuísmo cunha falta de proxecto político que ten a súa base en pequenas obras sen afrontar proxectos ambiciosos que demandan dun traballo intenso e continuo. Como exemplo temos a Praza de Abastos, que o BNG leva reclamando dende hai moitos anos como un proxecto integral e non como pequenas obras de mantemento tal e como o está a entender o goberno do PSOE.
Dende o BNG estamos responsabilizados co pobo da Guarda que cada vez máis ve nesta formación política a alternativa ás solucións que alguén que lles escoita, poñendo todo o seu empeño para que a lexislatura que comeza non sexan outros 4 anos máis perdidos para unha Guarda que necesita de ilusión, iniciativas que a recuperen da situación na que os diferentes gobernos do PP e do PSOE a foron sumindo nos últimos anos.