O BNG convida á veciñanza do Baixo Miño a participar no Día da Patria este 25 de xullo en Compostela baixo o lema "Sumando por Galiza"
“É un día de celebración e reivindicación para unir a todas as persoas que teñen Galiza na cabeza e no corazón e confían no potencial deste país”, salientou o responsábel comarcal.
O BNG fai un chamamento á veciñanza da comarca a participar masivamente na celebración do Día da Patria, que o BNG conmemora este ano baixo o lema Sumar por Galiza, precisamente como referencia expresa a unir a todas as persoas que confían no potencial do País para construír un futuro mellor.
“Desde O BNG facemos un chamamento a participar nunha convocatoria aberta para sumar polo país, aberta a todos os galegos e as galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón e que, igual que o BNG, queren construír un futuro mellor, onde a nosa lingua e cultura podan desenvolverse con normalidade, con emprego digno, salarios e pensións decentes. En definitiva, construír a Galiza coa que soñamos”, salientan dende a organización nacionalista.
Os actos que se celebrarán con motivo do Día da Patria Galega en Compostela darán comezo xa o día 24, coa celebración do FESTIGAL, unha cita xa consolidada no panorama cultural e musical galego.
O propio día 25 de xullo terá lugar a xa tradicional manifestación do Día da Patria, que este ano cumpre o cincuenta aniversario desde que en 1968 o nacionalismo retomase a súa celebración. Partirá da Alameda de Compostela ás 12h para percorrer as rúas de Santiago até a Praza da Quintana, na que intervirá a Portavoz Nacional do BNG Ana Ponton.
Para facilitar a asistencia a este acto sairán autobuses o 25 de xullo desde o Baixo Miño con paradas na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, cómpre reservar praza no 616090632/[email protected].