O BNG rexistra unha proposición de lei en materia enerxética para beneficiar a empresas e traballadoras/es

Montse Prado, Noa Presas e Ana Pontón
Montse Prado, Noa Presas e Ana Pontón

A iniciativa nacionalista  pretende abaratar o recibo da luz, nun país excedentario de produción de enerxía, un prezo xusto da electricidade, acabar coa pobreza enerxética e frear o peche de ALCOA

O grupo parlamentario do BNG rexistrou hoxe no Parlamento galego unha Proposición de lei en materia enerxética destinada a abaratamento do recibo da  luz para persoas usuarias e empresase consolidar o emprego.

En palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a proposta  responde “á estafa colectiva” da factura da luz que debemos pagar todos os galegos e galegas que a pesar de vivir nun país que produce moita electricidade, “non temos ningún tipo de compensación” e mesmo estamos ante a ameaza dun ERE en ALCOA, que de producirse suporá o despido de 400 persoas polos altos prezos da enerxía.

A Proposición de Lei do BNG, anunciou  Pontón nace baixo tres obxectivos: “abaratar o recibo da luz porque dous térceos da factura dependen de decisións políticas dos parlamentos e gobernos, un novo marco na produción eléctrica que compense a Galiza polos custes sociais e ambientais na produción enerxética, e unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas para garantir emprego”. Para a portavoz do BNG, a proposta tenta ser unha “ferramenta para un prezo xusto da electricidade, acabar coa pobreza enerxética, frear o peche de ALCOA”.

O MERCADO PROPICIA O NEGOCIO REDONDO PARA AS ELECTRICAS

Pontón lembrou que o actual mercado favorece “o negocio redondo das eléctricas” que durante a crise económica “gañaron 50 mil millóns de euros e que só no ano 2017 foron  5.600 M€, pagados por economías familiares cada vez máis asfixiadas” e cos salarios e pensións máis baixas do estado. Ante esta situación, dende o BNG propomos “unha tarifa eléctrica galega coa rebaixa das peaxes como  compensación polos custes sociais e ambientais de ser un país produtor de enerxía”.  Esta proposta, recalcou, “é constitucional e legal e permitiría un avance para o noso país” e criticou   que  Partido popular e Feixóo á cabeza, segan facendo unha campaña en contra de ter  beneficios en Galiza  por producir electricidade.

Por outra banda, preguntou porque Feixóo e o Partido popular son incapaces de explicar porque a tarifa en Euskadi permite aforrar ás empresas 120 Millóns de euros e por tanto, seren máis competitivas. “O PP  continua na senda de ir contra os intereses de Galiza e non defender propostas para beneficiala”, manifestou.

O marco deseñado polo Partido popular vai permitir que os galegos e galegos paguemos o prezo da luz  “máis alto de todo o estado”. A proposta do BNG vai en dirección contraria, “reclamamos unha compensación por producir.”

O BNG PIDE BAIXAR O IVE

A Proposición de lei  contempla a rebaixa do complemento do IVE do 25% ao 4%. A portavoz nacionalista asegurou que é posible, se temos en conta ademais que o goberno baixou o IVE das touradas ao 10% e se ten vontade política pode facelo coa luz. Cunha tarifa eléctrica galega e a rebaixa do IVE “aforrariamos ao ano 330 euros”. Esta, recalcou, é unha proposta “posible e realista”.

ALCOA NON SE PECHA

Na súa intervención, Pontón aludiu ao ERE extintivo anunciado por ALCOA do que dixo, é necesario presionar á empresa para que non sexa efectivo pero ao tempo poñer sobre a mesa propostas para modificar o mercado enerxético para procurar a estabilidade da empresas electrointesivas a través dunha tarifa estable que substitúa  o sistema de poxas de interrompibilidade, “esa ruleta rusa” que non permite prezos competitivos e a causa fundamental na ameza do peche de ALCOA na Coruña.

Esta tarifa industrial, engadiu, debe ser “estable con variacións predicibles para a subministración á industria electrointesiva e condicionada a que as empresas invistan periodicamente en viabilidade e modernización dos procesos produtivos, manter o emprego e poder adquisitivo dos cadros de persoal”. Estes  requisitos deben ir acompañados dun “plan de desenvolvemento industrial ” cada cinco anos que será supervisado pola administración para o seu cumprimento.

“ALCOA non pode pecharse” e por iso seguiremos presentando propostas para impedilo e advertiu que “detrás  deste peche poden producirse outras situacións semellantes”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG