O BNG solicita a urbanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde
O deterioro da rúa urxe un proxecto de urbanización priorizando aos viandantes
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa no rexistro do concello da Guarda solicitando a urbanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde.
O BNG sinala que esta rúa do casco histórico guardés está nunhas condicións pésimas, aínda presenta un piso de asfalto sendo un dos tramos que soporta máis tráfico rodado actualmente na zona.
Para o BNG esta zona merece unha actuación acorde coa contorna, cun cambio de firme en consonancia coas rúas empedradas que a atravesan, aportando valor engadido ao casco histórico.
Ante a actual situación de deterioro, o BNG solicita a realización dun proxecto de urbanización que dea solución a unha rede de saneamento obsoleta o que provoca continuas avarías, un firme sen condicións axeitadas, así como unhas beirarrúas insuficientes polas dimensións e polos problemas de acesibilidade ás mesmas.
Dende o BNG entendemos que é o momento de afrontar un proxecto de renovación da rúa con criterios claros: integración na contorna, a acesibilidade e prioridade dos viandantes, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG considera importante afrontar a modernización da rúa Manuel Rodríguez Sinde polo seu estado actual e polo perigo que supón tanto para os veciños e veciñas como para as persoas que por alí pasan a diario.
[gallery ids="688,689,690,691,692"]