O BNG solicita o arranxo da rampla do Pirún
O actual estado de deterioro supón maior perigo que as propias escaleiras
O Bloque Nacionalista Galego presentou un escrito solicitando ao goberno municipal do PSOE o arranxo da rampla que hai na zona coñecida como Pirún, sita na rúa da Cal polo seu mal estado.
Para o BNG o estado actual desta infraestrutura é lamentábel froito da falta de mantemento por parte do concello durante estes anos.
Así, pódese observar que as varandas están a caer con pezas que se desmontan con moita facilidade, os pivotes que as sosteñen están soltos ou mal ancorados o que supón un serio perigo para calquera persoa que pase pola rampla. O estado xeral da madeira é preocupante, con zonas podres e o firme da rampla está desnivelado con táboas levantadas que dificultan o camiñar.
Tendo en conta que esta infraestrutura foi deseñada para facilitar a accesibilidade de veciños e veciñas que diariamente atravesan o lugar, nestes intres supón un perigo maior que o uso das escaleiras.
A rampla debe ter un mantemento continuado ao longo do ano, corremos o risco de ter que lamentarnos dunha desgraza en calquera momento, comentou o portavoz municipal, Ángel Baz.
O BNG insta ao Alcalde da Guarda a que tome as medidas oportunas con carácter de urxencia para o arranxo da rampla do Pirún e que se comprometa a un mantemento ao longo do ano, algo que até o momento non se fixo.
[gallery ids="344,343,348,346,345,342"]