O BNG solicita aclaracións públicas ao Alcalde sobre a situación de Protección Civil na Guarda
Para o BNG hai que mirar para adiante pero é fundamental aclarar o ocorrido nos últimos anos
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha batería de preguntas no último pleno encamiñadas a aclarar o que está acontecer con Protección Civil na Guarda.
O BNG leva anos advertindo do uso das partidas sobre Protección Civil como gastos telefónicos, gastos de combustíbel de vehículos, así como en que se investiu os cartos recibidos durante estes anos a cargo de Protección Civil, cando apenas había actividade por parte do ente.
Para o BNG é imprescindíbel que se aclaren todos aquelas cuestións que rodean a agrupación de Protección Civil, como quen realizou operativos de Protección Civil cando apenas existía actividade, en que se investiron as subvencións recibidas por ter Protección Civil, así como a legalidade do desvío de fondos e material a outros corpos do concello como o GES, ...
Para o BNG hai unha opacidade absoluta nos operativos realizados cunha directiva accidental pola ausencia de asembleas, eleccións, actas, ...
Sorprende a insistencia do Goberno do PSOE por tratar de enterrar isto dicindo que hai que mirar cara o futuro. Que hai que esconder?, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O portavoz municipal deixa claro que hai que pedir responsabilidades ao PSOE pola súa xestión municipal, pero algo terá que dicir o PP que durante anos outorgou subvencións para Protección Civil sen controlar o seu funcionamento e destino dos cartos.
En palabras de Xan Lois, concelleiro do BNG, o goberno do PP-IV acabaron coa agrupación de Protección Civil na Guarda e o PSOE deulle o remate final, agora toca aclarar que pasou cos cartos.
Dende o BNG queren deixar claro que o futuro de Protección Civil pasa pola colaboración co Grupo Emerxencias Supramunicipal (GES), con competencias claramente delimitadas e asegurando o financiamento de ambos.