O BNG denuncia escurantismo do Alcalde da Guarda pola instalación dunha antena de telefonía en Campo
O pobo de Camposancos ten dereito a coñecer a posíbel instalación dunha antena de 40 metros de altura
O Bloque Nacionalista Galego presentou dous escritos sobre a instalación dunha antena de telefonía en Camposancos sen que o Alcalde da Guarda responda despois de 15 días. Os escritos solicitaban un informe sobre a situación actual desa licencia para saber se os informes requiridos son favorables ou non.
Dende o BNG lembra que se está a falar da colocación dunha antena de 40 metros de altura (o tamaño dunha cancha de balonmán) polo que non entende a opacidade coa que traballan o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, cando despois de ter recibido dous escritos solicitando información por parte do BNG, seguen agochando os pormenores desta tramitación.
O BNG lémbralle ao Alcalde da Guarda que ten obriga de facilitar toda información aos concelleiros e concelleiras que así o soliciten, polo que é inadmisíbel a tardanza en aportar a documentación.
O que nos preguntamos é que hai que esconder para non querer dar ningunha información ao BNG cando sabemos que hai trámites en marcha, comentou Ángel Baz portavoz municipal nacionalista.
"O presidente Entidade Local debe informar aos veciños e veciñas de Camposancos", sinalou Merchi Martínez, vogal do BNG na ELM de Camponsancos.
O BNG aposta por unha política transparente na que a información ao pobo sexa o habitual e non a actitude que están a levar a cabo o PSOE, tanto no Concello como na Entidade Menor, onde a día de hoxe ningún veciño ou veciña de Camposancos ten coñecemento da posibilidade da instalación de dita antena. Sobre todo ante as carencias de cobertura que hai na zona, polo que é indispensábel a máxima transparencia no tema.