O BNG acusa ao PSOE de discriminar a veciños do Calvario
18 nov. 2015 - 12:00
As descualificacións ao portavoz do BNG pretenden ocultar a discriminación duns veciños do barrio
Ante o comunicado emitido polo grupo de goberno do Concello da Guarda contestando ao portavoz municipal do BNG Ángel Baz, o BNG quere deixar claro o seguinte:
- Calquera opinión ou posición que realiza calquera portavoz do BNG é asumida pola propia organización, polo que non entendemos ese ataque persoal cara Ángel Baz.
- Agradecemos as palabras cara o anterior portavoz municipal do BNG, a pena é que non as emitisen publicamente cando asumía tal papel.
- Ao BNG non lle sorprende esta saída de ton do grupo municipal do PSOE, encabezado polo seu Alcalde Antonio Lomba, algo ao que nos teñen acostumados. Detrás destes ataques soamente podemos dicir que ou hai mala fe ou complexo.
- A nota de prensa do BNG é unha nota de carácter político, non técnico. Ninguén do BNG cuestionou a legalidade da adxudicación da obra. O despropósito socialista está en que o goberno preferiu tratar a uns veciños de segunda e a outros de primeira, polo que a crítica do PSOE soamente obra a unha mala fe dos mesmos.
- O BNG ten claro que o Alcalde da Guarda non entra no principal problema da denuncia do BNG, a discriminación duns veciñ@s que verán como a parte da súa rúa vai ir de peor calidade co resto da veciñanza. O PSOE non é capaz de explicar cal é o motivo de por que estas persoas teñen que sufrir esta diferenza.
- En canto aos ataques de soberbia, queda claro que tanto o Alcalde da Guarda como o seu portavoz municipal deron medida suficiente dun comportamento prepotente, sobre todo desde que perderon a maioría absoluta, que adoitan esquecer demasiadas veces.
- Finalmente, instar ao Alcalde da Guarda e ao seu grupo de goberno a deixar de facer oposición do BNG, a pórse a gobernar para todos e todas as veciñas da Guarda sen ningún tipo de exclusión.