“O ACORDO PLENARIO DEBE SER UN TOQUE DA ATENCIÓN PARA A XUNTA E PARA O PROPIO ALCALDE. ESTAMOS DIANTE DUN PROBLEMA SERIO DE SEGURIDADE”

Aprobada a moción do BNG para o control do xabarín na Guarda

xab1
Ángel Paz, examinando as consecuencias do paso do xabarín
Aprobada a moción do BNG para o control do xabarín na Guarda

O Pleno da Corporación da Guarda aprobou por unanimidade a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego sobre a prevención, control e corrección dos efectos que provoca o xabarín na Guarda.

O acordo plenario insta á Consellería de Medio Rural a que adopte políticas que regulen un censo sostíbel do xabarín na Guarda. Tamén que se apliquen fórmulas encamiñadas a minimizar a acción do xabarín en zonas de alta sensibilidade como o Monte Trega ou o Esteiro do Miño.

Para o BNG este problema non para aquí, o acordo plenario é moi importante, pero imos levar esta situación ao Parlamento galego para que a Xunta escoite directamente cales son os problemas que están a xerar o xabarín na Guarda”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

O BNG apela á responsabilidade de PP e PSOE

O BNG insta ao PP a ser coherente co voto a favor da moción e a non esconderse diante da Xunta de Galiza. Asemade, advirte ao Alcalde e ao grupo municipal do PSOE que o acordo é un principio para que dende o goberno municipal se poñan a traballar na procura dunha solución coordenada co Goberno da Xunta do PP.

O BNG advirte que a pesar das batidas realizadas seguen a verse xabaríns polas estradas xerando situacións serias de perigo, polo que máis que nunca é necesario adoptar medidas claras para solucionar este problema sen que ter que acabar lamentando algunha desgraza.

Aprobada a moción do BNG para o control do xabarín na Guarda