O BNG denuncia continuísmo e falta de proxecto político nos orzamentos para o 2016 na Guarda

O BNG denuncia continuísmo e falta de proxecto político nos orzamentos para o 2016 na Guarda

“Ángel Baz: estes orzamentos non atenden ás necesidades da Guarda e incumpren acordos plenarios”

Ángel Baz, portavoz municipal do BNG

 

O Bloque nacionalista Galego considera que os orzamentos presentados polo grupo de goberno non aportan grandes solucións a actual situación do concello da Guarda.

Para o BNG estamos diante dun goberno que apostou polo continuísmo, amosando ser un goberno sen proxecto político e esgotado incapaz de atender ás necesidades do pobo da Guarda.

Un ano máis, xa van demasiados, o BNG reclama unha partida específica para Emerxencia Social lembrando que foi un acordo plenario froito dunha moción presentada do BNG no seu momento.

A formación nacionalista pon de manifesto a falta de criterio á hora de asignar produtividades aos diferentes traballadores e traballadoras do concello, sen apostar pola contratación de persoal tan necesario para o funcionamento do concello. Así, o Alcalde da Guarda ignora o acordo plenario para cubrir vacantes de policía local.

O Alcalde da Guarda foi incapaz de atender á reclamación do BNG sobre a mellora das condicións laborais das auxiliares a domicilio, tamén reclamado pode parte dos sindicatos.

A resposta ante os continuos problemas co alumeado público que están a acontecer polo concello é bastante probe, tanto na partida para arranxos como para persoal encargado, seguimos cun só electricista para máis de 10.000 habitantes.

Un dos grandes eixos do programa electoral do BNG foi a defensa da promoción do mercado local de de proximidade, ese que da a oportunidade aos pequenos produtores e produtoras, que debe ser o motor do comercio no concello, polo que resulta frustrante a pouca dotación orzamentaria para a Praza de abastos, apenas 2.000 €. O BNG ten outro modelo na cabeza.

En canto a política cultural, non hai partida para a conmemoración do mes de febreiro como mes de Rosalía de Castro, acordo plenario presentado polo BNG.

Grupo municipal do BNG

Non hai partida para a realización dun plan de tráfico, que salvo o goberno do PSOE, todo o mundo reclama.

Seguimos sen transferir o mantemento do Centro de Saúde, que lle supón ao concello un gasto de case 60.000 € anuais.

Despois de ver o espectáculo do último pleno extraordinario no que o PSOE non puido aprobar o Plan Xeral, o Alcalde da Guarda segue a xogar co PXOM cunha partida de apenas 10.000 € para o 2016, polo que se poden deducir cales son as intencións do goberno municipal.

Ante todo isto, o BNG votou en contra da proposta de orzamentos para o 2.016, polo que cumpre un cambio de actitude no Alcalde da Guarda para chegar a acordos que beneficien ao pobo.

 

Un PSOE incapaz, aprobará os orzamentos pola porta de atrás

Tal e como se puido ler nalgún medio de comunicación o Alcalde da Guarda ten a intención de aprobar os orzamentos por medio da Xunta local de Goberno, tal e como fixo o seu predecesor no cargo. Toda vez que esta medida aprobada polo PP foi duramente criticada, no seu momento, polo propio PSOE por antidemocrática e perigosa.

O BNG denuncia continuísmo e falta de proxecto político nos orzamentos para o 2016 na Guarda