“A MOCIÓN DO BNG SOLICITA A TRANSFERENCIA DA AP-9 A GALIZA”
O BNG presenta unha moción sobre a transferencia da AP-9
O BNG presentou unha moción no que se solicita o remate das peaxes abusivas na AP-9, instando a todos os grupos políticos con representación nas Cortes Xerais a axilizar a tramitación da Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencia da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza.
Dende o BNG preténdese que a Corporación da Guarda se sume ao consenso político acadado no Parlamento de Galiza e apoie expresamente a defensa da iniciativa lexislativa para reclamar a titularidade da AP-9.
“Infraestruturas como a AP-9 deben estar ao servizo do país, non aos intereses dunha empresa privada. Este vieiro é fundamental para Galiza e para o noso concello”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG considera unha inxustiza que o Goberno central manteña unhas peaxes desorbitadas que limitan o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos, e lastran o desenvolvemento de sectores económicos galegos.
Esta iniciativa está inserida dentro da campaña que está a levar o BNG co nome “AP 9 galega e sen peaxes”, entre estas iniciativas está o bloqueo reivindicativo a que se vai realizar o próximo sábado 26 ás 10:40 h na área de servizo de San Simón para facer o pagamento con céntimos na peaxe de Fiqueirido.
Dende o BNG animamos a participar neste tipo de actos reivindicativos de cara a conseguir o traspaso da AP 9.