O BNG do Baixo Miño apoia e anima a veciñanza da comarca a asistir á manifestación da PSV
O BNG DO BAIXO MIÑO APIOA E ANIMA A TODA A VECIÑANZA DA COMARCA A ASISTIR Á MANIFESTACIÓN CONVOCADA POLA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA DE VIGO ESTE XOVES
Por mor dos recortes no proxecto inicial do Novo Hospital acentuaron os déficit sanitarios da Área de Vigo.
A renuncia a un Complexo Hospitalario de referencia estratéxica para o Sur de Galicia, que equilibrase a oferta sanitaria na Comunidade Autónoma. Suprimíronse do proxecto os edificios de Docencia e Investigación (imprescindibles nun Hospital con docencia universitaria); o Servizo de Rehabilitación; as camas de Coidados Mínimos e Intermedios para enfermos con patoloxías crónicas que non precisan de recursos avanzados; e o chamado Hotel de Pacientes para enfermos que viven lonxe, illados ou que teñen problemática social.
A redución de camas agravará aínda máis a situación asistencial e unhas listas de espera inaceptables: As camas de hospitalización pasaron de 1.450 (1.239 de hospitalización convencional) a 845, ás que habería que engadir 71 camas no Hospital do Meixoeiro (pasaron de 418 a 347) e 52 no Nicolás Pena (baixaron de 120 a 68), co que o recorte final foi de 517 camas, (sen contar outras camas como espertar, hospital de día, Reanimación, camas de observación, etc., que sumarían outras 211). Esta redución de recursos é incomprensible que se aplique nun área cun índice de camas por habitante das máis baixas e unha lista de espera cirúrxica das máis alta de Galicia (99,2 fronte a unha media de 79,8 en decembro do 2015) só superada polos 139,2 do hospital privado POVISA tamén en Vigo.
Os recortes converteron este centro nunha gran superficie comercial incapaz de satisfacer as necesidades de atención especializada da cidadanía: A redución das dimensións do edificio e a dispersión de servizos asistenciais (Medicina Interna, Endocrinoloxía, Reumatoloxía, Alergoloxía, Xeriatría, Dermatoloxía ou Oftalmoloxía, Laboratorio e Central de Esterilización); os problemas de xestión pola existencia dunha dobre xerencia público e privada; as deficiencias funcionais asociadas á falta de laboratorio, esterilización e demais servizos no centro; os recortes de recursos diagnóstico, servizo de urxencias, camas, equipamento de quirófanos; etc.,
Creáronse barreiras de acceso para os colectivos sociais máis afastados e con menor poder económico (cada vez máis numerosos): O afastamento do hospital da cidade de Vigo e da súa área metropolitana sen unha alternativa integral para o transporte colectivo, a privatización do parking privado (de elevado custo para os usuarios), unidas ás disfuncionalidades estruturais e organizativas do novo centro afectaron á calidade da atención, xerando colapsos nas urxencias, obrigando a suspender numerosas intervencións cirúrxicas, atrasando as citacións de pacientes, etc.
A área de Vigo soporta as maiores listas de espera de Galicia pese ao cal a Xunta abandonou o proxecto de construír un Centro de Alta Resolución. Núñez Feijoo paralizou a construción dos dous Centros previstos para a área (un en Cangas-Moaña e outro en Vigo no edificio do Hospital Xeral). Estes centros permitirían reducir os tempos de resposta asistencial ao integrar a consultas, probas diagnósticas e cirurxía en base a consultas de acto único que pechan o proceso diagnóstico e o tratamento grazas á coordinación de consultas con especialista, realización de probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas.
Así pois, baixo o lema "Rescatémolos (H.Meixoeiro e H.Álvaro Cunqueiro) para a sanidade pública", o BNG do Baixo Miño adhirese á convocatoria de manifestación da Plataforma SOS Sanidade Pública e anima ás veciñas e veciños da comarca a asistir á mesma o vindeiro xoves dia 12 en Vigo.
Para facilitar o traslado á manifestación de Vigo, poden reservar praza de autobús, con saída ás 18:15 da alameda da Guarda, e, con paradas no Rosal, Tomiño, e Tui no: 616090632/620561594.