“TRÁTASE DE VISUALIZAR O SUFRIMENTO DAS MULLERES QUE SOFREN TODO TIPO DE ACOSO EN DIFERENTES ÁMBITOS DA VIDA. OS CULPÁBEIS SON OS QUE TEÑEN QUE SENTIR VERGOÑA, NON AS VÍTIMAS”
O BNG presenta moción para declarar persoas non gratas aos membros da “manada”
“Para o BNG as institucións deben posicionarse e rexeitar estas accións, así como amosar o apoio ás mulleres que son as auténticas vítimas”
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción para que se declaren persoas non gratas aos membros da “Manada”, tralos feitos acontecidos en Iruña hai dous anos.
Trala sentencia da Audiencia Provincial de Iruña do pasado 21 de xuño, na que acordou pór en liberdade aos agresores, autodenominados “A Manada”, facendo uso da súa condición de superioridade: numérica, física e de idade, durante os Sanfermíns de 2.016, houbo un clamor na rúa en contra da determinación do tribunal por ser inxusto, no que abusar dunha muller sae barato.
“Chegou o momento de dar un paso máis, e que sexan as Corporacións Locais as que, de motu propio, poñan o seu gran de area na denuncia desta inxustiza social e sumarse, por iniciativa propia, ao berro cidadá polo caso da Manada”, comentou Merchi Martínez, concelleira do BNG.
O caso da Manada é o cumio do iceberg e debemos aproveitalo para visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que nos pensamos; e por parte de homes que non están enfermos. Que saiban todas as vítimas anónimas que estamos con elas e que non nos doen menos. E que todos e todas entendamos que o silencio nos condena.
A moción propón declarar persoas non gratas na Guarda aos membros de “La Manada” para deixar claro o rexeitamento aos agresores en todo o país, porque a sociedade entende que si foi un feito moi grave.