Galiza Nova e o BNG rexeitan a legalización dos "ventres de alugeiro"
Galiza Nova e o BNG promoveu unha charla-debate sobre os Ventres de Aluguer que se celebrou na Casa dos Alonso da Guarda . Participaron na mesma, Ana Belén Bernárdez (portavoz da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova no Baixo Miño), Bea Lomba (portavoz da área de Acción Feminista do BNG no Baixo MIño), e Ana Bringas (Coordinadora do Grupo de traballo de Acción Feminista do BNG).
Ana Bringas aproveitou a ocasión para reiterar o posicionamento do BNG sobre esta cuestión e sinalou que “para o BNG trátase dunha explotación máis do corpo das mulleres máis empobrecidas e vulnerábeis”. O BNG oponse á legalización, regulamentación e banalización deste fenómeno que nos últimos tempos foi sometido a unha mediatización dirixida baixo termo “xestación subrogada”.
Bea Lomba afirmou “preferimos falar sempre da realidade que esta práctica supón baixo a denominación ventres de alugueiro, un termo que visibiliza o feito
de estas mulleres seren utilizadas como incubadoras e do que se desprende claramente a desigualdade na relación contractual que se pretende."
Ana Belén Bernárdez explicou ”o debate mediático xira ao redor do desexo de ser nai ou pai biolóxico e as garantías legais para quen “contrata” este servizo, mentres que a muller cuxo corpo se aluga pasa a ser un simple receptáculo xestante, un mero obxecto con valor comercial, despoxado da súa dignidade humana”. “Resulta esencial indagar nas consecuencias que ten a realización destes desexos para estas mulleres, quen son e por que aceptan pór en risco a súa saúde e mesmo a súa propia vida para xestar unha criatura en beneficio doutras persoas” concluiu a portavoz da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova no Baixo Miño.
A formación nacionalista argumenta que a maternidade e a paternidade non son dereitos senón desexos persoais que, en ningún caso, se poden levar a cabo a costa de menoscabar os dereitos das mulleres máis vulnerábeis. Tanto as mulleres coma as crianzas son cousificadas e tratadas como meras mercadorías, mesmo nos casos da mal chamada “xestación subrogada altruísta”, que, baixo unha aparencia de xenerosidade de mulleres que se prestan a xestar para outras persoas a cambio de nada, agocha os intereses lucrativos de clínicas de fertilidade e bufetes de avogados que actúan de intermediarios, nun negocio que move millóns de euros en todo o mundo. Por todo isto, o BNG e Galiza Nova rexeita rotundamente a legalización desta práctica.