O BNG organiza unha charla informativa en Oia sobre o sistema eléctrico coa factura da luz
O Bloque Nacionalista Galego organiza unha charla informativa sobre o sistema eléctrico coa factura da luz para explicar a necesidade dunha tarifa propia en Galiza. O acto, aberto ao público, será o vindeiro xoves 30 de marzo ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Oia e intervirán a deputada do BNG Montse Prado , o secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG, Fernando Branco,e, o asesor enerxético ,Xosé M. Golpe.
Para o BNG, o suposto déficit tarifario non é máis que unha xustificación do Goberno do Estado para incrementarlles, ano tras ano, o prezo da enerxía ás persoas usuarias, que soportan a factura máis cara de Europa en beneficio só das grandes compañías eléctricas españolas.
Na charla explicarase tamén que Galiza é excedentaria na produción de electricidade e padece os custos sociais e ambientais coa explotación dos nosos recursos naturais, sen obter ningún beneficio desta condición. Por este motivo, o BNG demanda unha tarifa eléctrica propia, cunha redución do prezo da electricidade, tanto para beneficiar os fogares como as empresas e industrias do País, para poderen manter a súa actividade ante os elevados custes enerxéticos.
Con este acto, o BNG de Oia tamén quere reprobar o escurantismo dos recibos da luz, as subas constantes e desproporcionadas do prezo da enerxía, o espolio dos recursos naturais de Galiza e a tributación en Madrid por parte das empresas que se aproveitan dos nosos recursos.