O BNG levará ao Parlamento Galego a protección do castro do monte Trega
“Para o BNG o Concello en colaboración con outras entidades debe realizar un programa de actividades para concienciar sobre a importancia da conservación do castro do monte Trega”
O BNG vai levar ao Parlamento galego a preocupación sobre o estado de conservación do castro do monte Trega, sobre todo a raíz das imaxes aparecidas nos medios de comunicación de persoas situadas no conxunto arqueolóxico a xantar durante as pasadas Festas do Monte.
“É preocupante a utilización de estacas para suxeitar toldos aos muros das construcións castrexas. Debemos ter conciencia de que se trata do noso patrimonio, así como un dos principais atractivos que temos tanto na Guarda como na comarca”, comentou Anxo Baz, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG queda demostrado a ineficacia das medidas tomadas até agora, como a colocación de cintas. Hai que ir a medidas máis profundas e continuadas no tempo que axuden a concienciar a aquelas persoas que queiran gozar dunha das paraxes únicas sen ter que deteriorar a súa contorna.
Fotos das estacas no castro do monte Trega: