O BNG solicita nova valoración de impacto ambiental para a nova gasolineira na Gándara
“O Goberno municipal ten que escoitar á veciñanza que lle está advertindo da grande cantidade de auga que existe na zona e os riscos de contaminación”
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando un novo informe de impacto ambiental que teña en conta os acuíferos e reservas de auga utilizadas como regadío na zona.
Ante as demandas de información da veciñanza, así como as advertencias sobre a cantidade de acuíferos e balsas de auga utilizadas para regar zonas de cultivo na Gándara, o BNG considera que debera realizarse unha nova valoración de impacto ambiental por parte do concello que teña en conta as advertencias dos veciños e veciñas da zona da Visorca, lugar concreto onde se vai construír unha gasolineira “desatendida” na Gándara.
“Sabemos que todos os informes son favorábeis, mais tamén consideramos que temos que escoitar aos veciños e veciñas da zona que están advertindo de que a zona é rica en acuíferos, con grandes cantidades de auga, que a día de hoxe estanse a utilizar para regadío. Polo que é de interese que se faga unha valoración de impacto ambiental para ver a conveniencia dunha gasolineira nesta zona”, comentou Xan Lois Lomba concelleiro do BNG.
Para o BNG é sorprendente que este proxecto comezara a tramitarse no ano 2.016 e que habendo no goberno municipal concelleiros da zona que, ademais, ostentan cargos directivos nunha asociación de veciños da Gándara, non teñan informado con tempo aos veciños e veciñas para que puideran asesorarse e presentar alegacións en tempo e forma.
O BNG deixou claro na comisión de urbanismo que había que informar e ter informado aos veciños e veciñas da Gándara sobre a construción dunha gasolineira “desantendida” na Visorca.