O BNG critica a xestión do goberno de Tui ante a catástrofe de Paramos
Carme Núñez reclama que se retome a asistencia psicolóxica no centro de saúde de Tui
Tui,21 de setembro de 2018- A portavoz municipal do BNG en Tui, Carme Núñez, criticou a xestión que o Concello de Tui está a facer da catástrofe de Paramos e considera que non se deberían escatimar esforzos para conseguir que as veciñas e veciños afectados-as recuperen a normalidade canto antes e reciban toda a atención que precisan.
"O Governo de Tui sostido polo PP non está levando a cabo unha actuación “á altura” da gravidade da catástrofe", salientou a portavoz municipal. Xa non se está prestar atención psicolóxica ás persoas afectadas no centro de saúde de Tui, pese a que 35 familias solicitaron esta atención en proximidade; de facto, a dia de hoxe unhas 25 persoas que foron avaliadas seguen precisando desta atención. É evidente a falta de sensibilidade por parte da Xunta de Galiza, máis, hipocritamente, o governo do PP tudense, tras unha xuntanza do alcalde de Tui co presidente da Xunta de Galiza "amosase satisfeito en liñas xerais". O BNG considera que non pon nada da súa parte para esixir aos seus socios de governo que se restableza este servizo de atención en Tui mentras haxa veciñas e veciños que o precisen.
"Despois da traxedia ocorrida coa explosión de material pirotécnico almacenado de xeito totalmente irregular, é preciso prestar á máxima atención ás persoas afectadas. Esta atención debe cubrir aspectos materiais, físicos, socias, mais tamén emocionais e psicolóxicos", apuntou Carme Núñez.
Así pois o BNG vai esixir no vindeiro pleno que se retome o servizo de atención psicolóxica no centro de saúde de Tui para todas as afectadas e afectados que o solicitaron ,e, que xa bastante teñen coa traxedia vivida como para se teren que desprazar a Vigo (Meixueiro). Esperamos que neste pleno o PP apoie a proposta do BNG e non volte a virar-lle as costas as súas veciñas e veciños como fixo no Parlamento Galego.