O BNG considera insuficiente o orzamento para a reforma da rúa San Caetano na Cruzada

IMG_2665
Anxo Baz, portavoz municipal do BNG

Anxo Baz: “Despois de dous anos, falan de 3 fases e na primeira apenas 57.000 € e nin sequera inclúen a toda a rúa. Estanse a rir da veciñanza”

O BNG considera insuficiente o orzamento para a reforma da rúa San Caetano na Cruzada

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO considera insuficiente a dotación para a primeira fase de urbanización da rúa San Caetano na Cruzada.

O BNG lémbralle ao Alcalde da Guarda que esta petición dos veciños e veciñas da Cruzada foi aprobada por unanimidade en setembro de 2.016. O proxecto xa sufriu un atraso ao non ser incluído no Plan Concellos 2.017, para sorpresa de todos, e no Plan Concellos 2.018 aproban unha primeira fase de apenas 57.00 €, fronte a outras veleidades no PSOE como o pintado do espigón.

Dende o BNG, consideran un despropósito o que o grupo de goberno lle chama proxecto en 3 fases, vai quedar en tres tramos de escasos 100 m cada un deles, que empeza no número 1 da rúa e chega ata a praza de San Caetano. Sorprendentemente o alcalde esquecese por completo de máis da metade da rúa restante, que vai dende a canteira ata a estrada de Circunvalación.

“O Alcalde da Guarda esquécese que hai unha serie de veciños e veciñas con serios problemas de vías de auga nos seus baixos froito do estado da rúa. Estas persoas non se merecen deste trato por parte do Alcalde”, comentou Anxo Baz portavoz municipal do BNG.

 

Falta de transparencia do Alcalde da Guarda

O BNG presentou un escrito solicitando aclaracións sobre o proxecto a desenvolver e copia do mesmo para poder ser analizado. Para sorpresa do grupo municipal do BNG, non houbo contestación á petición da copia, polo que comezan a xurdir moitas dúbidas sobre que se pretende facer na rúa San Caetano.

O BNG deixou claro no acto celebrado onte diante dos veciños e veciñas da Cruzada a súa total desconformidade a como está levando o goberno municipal o desenvolvemento deste proxecto. “Xa que atrasaron o proxecto, ben poderían ter incluído na primeira fase o conxunto de dous anos. Isto cando menos, adiantaría as obras nun ano, obras que levan tempo esperando os veciños e veciñas de San Caetano ”, sinalou Anxo Baz.

O BNG considera insuficiente o orzamento para a reforma da rúa San Caetano na Cruzada