O BNG solicita a limpeza de camiños no barrio da Cruzada
A falta de sensibilidade do goberno do PSOE coa Cruzada fai que un ano máis o BNG solicite a limpeza dos camiños da Cruzada que dan aceso ás praias
O BNG presentou un escrito no rexistro do concello da Guarda para solicitar que se realizase a limpeza dos camiños da canteira no Barrio da Cruzada.
Os dous camiños que unen a Rúa de Caetano con a zona de Santa Catalina foron tradicionalmente, e seguen sendo, dous importantes accesos usados habitualmente polos veciños e veciñas do barrio da Cruzada para acceder á beira do mar.
Coa chegada do bo tempo increméntase o uso destes camiños pois son moitas as persoas que a través deles acceden ao porto, á senda litoral e á zonas de baño ou lecer que hai nas rochas, así como ao conxunto etnográfico que conforman a ruta das cetáreas.
Pero nesta altura do ano a abundancia e grande tamaño da vexetación dificulta seriamente o tránsito polo camiño da banda do norte. Ante o malestar expresado un ano mais por varios veciños e veciñas, o portavoz municipal do BNG-AA, Ángel Baz verificou o estado deste acceso indicando que "Esta situación que se repite cada verán é so unha mostra mais do desleixo e falta de sensibilidade do goberno municipal para co barrio da Cruzada, posiblemente un dos máis esquecidos e descoidados de todo o concello.
Así mesmo dende o BNG comprobamos como a explanada da Canteira destinada para o estacionamento de vehículos tampouco se encontra nun estado adecuado debido ao exceso de vexetación.
Ante isto, o portavoz do BNG-AA traslada ao goberno municipal a pregunta de se esta superficie seguirá sendo utilizada como estacionamento público. En caso afirmativo demanda que esta se desbroce e adecente canto antes.
"Todos sabemos que nunha vila turística como a nosa os accesos e áreas de estacionamento son un elemento fundamental para o desfrute e comodidade dos nosos visitantes. Non podemos improvisar neste tipo de cousas. Nesta altura do ano no que se inicia o verán e comezan a ter lugar tantas festas todos estes servizos turísticos teñen que estar en óptimo estado de funcionamento", concluíu Ángel Baz, candidato electo do BNG-AA.
[gallery ids="288,289,290,291,292"]