O BNG denuncia a incompetencia do alcalde da Guarda por xogar co PXOM
A única responsabilidade de que a Guarda non teña o PXOM actualizado é do PSOE con 8 anos de goberno, 4 de maioría absoluta
O BNG votou en contra da aprobación inicial do PXOM no pleno celebrado hoxe venres día 11.
Para o BNG resulta inaudito que o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, levase a pleno a aprobación do PXOU co ditame desfavorábel da Comisión de Urbanismo, nunca antes isto sucedera.
O PSOE volve colar nunha campaña electoral un tema de urbanismo tal como sucedeu co Convenio urbanístico do Colexio dos Xesuítas . Daquela o BNG dixo que non era o mellor momento, a catro días das eleccións municipais, para aprobar un convenio que ía condicionar o futuro plan xeral da Guarda, de feito está incorporado. O PP e o PSOE aprobárono co voto en contra do BNG, hoxe o PSOE volve cometer o mesmo erro.
O alcalde di levar realizado esforzos para aprobar o plan xeral, pero actúa de xeito totalmente contrario. Solicitamos información no mes de xullo foinos entregada a mediados de novembro e despois de ser advertido o alcalde, por este portavoz, polo que non había moita présa por tratar o tema, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG sinala que o PSOE estivo gobernando durante 8 anos, catro con maioría absoluta, e non fixeron nada, soamente desculpar o atraso polos continuos cambios da lexislación. Agora, ás portas dunha nova lei do solo parece que pretende apurar unha aprobación inicial intentando presionar na oposición, sabendo que terán que adaptar o PXOM á nova lei. Por certo, que a tramitación da nova lei do solo era coñecida hai ano e medio.
Actitude "indecente" do Alcalde da Guarda
O BNG considera unha indecencia que o Alcalde da Guarda e o PSOE utilicen, unha vez máis, aos afectados das anulacións das 21 licenzas como pretexto para unha aprobación do PXOM que non lles garante a solución desexada.
Outra das cuestións é a inexistencia de equipo redactor, xa que decidiron rescindir o contrato co concello, polo que non hai quen conteste as alegacións que os veciños e veciñas poidan presentar. No caso de contratar a unha nova empresa tería que responder dun plan que non deseñou .Para o BNG isto é un esperpento.
O BNG sinala que existen varios informes preceptivos que cuestionan a actual redacción do PXOU, é dicir, que os mesmos que teñen que aprobar realmente o plan, a Xunta, xa están advertindo que existen erros, algo que o BNG avisou no seu momento, e ninguén, nin o goberno nin o equipo redactor, xustificaron correccións.
Para o BNG se hai alguén responsábel de que non haxa un novo PXOM na Guarda é, única e exclusivamente, o PSOE.