"Ángel Baz será o candidato do BNG á alcaldía da Guarda"

Primeiro tramo da candidatura do BNG na Guarda
"Ángel Baz será o candidato do BNG á alcaldía da Guarda"

 

 

 

 

 

Ángel Baz será o candidato do BNG á alcaldía da Guarda

 

Primeiro tramo da candidatura do BNG na Guarda

 

O Bloque Nacionalista ten xa definido o primeiro tramo da súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais na Guarda. Ángel Baz será a persoa que encabece a candidatura nacionalista.

 

 

O BNG incorpora neste primeiro tramo dúas persoas independentes froito do proceso de Asembleas Abertas desenvolvido nos últimos meses co obxecto de escoitar e integrar á cidadanía que pide unha participación directa na vida política e en particular nas propostas do seu concello.

 

 

 Ángel Baz, hosteleiro da Guarda cunha longa traxectoria no mundo asociativo guardés, é un reflexo deste proceso, encabezando a candidatura “BNG-Asemblea Abertas” como independente.

 

 

 “Mentres en todos os recunchos do país se escoitaba falar da necesidade de abrir a política ao pobo, de participación e renovación, o BNG púxose realmente a facelo abrindo as súas portas para que xente coma vós e coma min nos poñamos a construír ese novo concello no que vivir e traballar.” Con estas palabras se dirixiu o novo candidato á alcaldía á Asemblea aberta que o BNG celebrou esta semana na Guarda.

 

 

 Ángel Baz é ben coñecido na Guarda pola súa implicación na dinamización do comercio local e a súa colaboración en diversas asociacións culturais, deportivas e musicais.

 

 

 O actual Portavoz Municipal do BNG, Xan Lois Lomba, será a persoa que ocupe o número dous na candidatura. Xan Lois, cunha ben coñecida traxectoria como concelleiro na Guarda aportará a súa experiencia no traballo institucional á candidatura. “É un orgullo formar parte desta lista, na que presentamos un gran candidato, e á que teño o firme propósito de aportar todo o que estea na miña man para ver a Ángel como Alcalde da Guarda” declarou.

 

 

Os seguintes postos na lista estarán ocupados por Mercedes Martínez (Merchi)de Camposancos, mestra e actual Responsábel Local do BNG na Guarda; Benito Alonso (Mansa), mariñeiro retirado e actual portavoz da Plataforma de Emigrantes Retornados; e Beatriz Lomba, outra das persoas que se incorporan como independentes nesta candidatura BNG-Asembleas Abertas, adicada ao sector comercial cun negocio na Guarda.

 

 

 

 

 

"Ángel Baz será o candidato do BNG á alcaldía da Guarda"