Sandra González, alcaldesa de Tomiño, repite como cadidata do BNG

Sandra González, candidata á alcaldía de Tomiño polo BNG
Sandra González, alcaldesa de Tomiño, repite como cadidata do BNG

" A ALCALDESA DE TOMIÑO, SANDRA GONZÁLEZ ÁLVAREZ, REPITE COMA CANDIDATA DO BNG LOCAL ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS"

Sandra González, candidata á alcaldía de Tomiño polo BNG

A rexedora conta coa experiencia dos últimos oito anos de goberno e salienta especialmente o apoio do seu equipo.

 

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, presentarase novamente como candidata ás próximas eleccións municipais do mes de maio polo Bloque Nacionalista Galego, despois de que recibira o apoio de afiliados e simpatizantes, durante a asemblea aberta celebrada onte ás oito e media da tarde en Tomiño.

 

 

 Trátase da terceira vez que a actual rexedora concorre ás eleccións liderando a lista nacionalista de Tomiño, ostentando a alcaldía do municipio nas dúas últimas lexislaturas, con maioría absoluta dende 2011.

 

 

 A alcaldesa asegura presentarse coma candidata ao que sería o seu terceiro mandato con “ilusión por ter un proxecto serio para transformar Tomiño e contar cun equipo sólido e competente que me apoia de forma permanente”. Con respecto a este punto, a lista definitiva está aínda a formarse, coma é natural; porén, a alcaldesa adianta que contará con persoas de moita confianza que están gobernando xunto a ela, pero tamén con outras novas, coas que se está a manter conversacións.

 

 

 Durante os oito anos que a alcaldesa leva gobernando Tomiño, iniciouse un proceso de transformación que resulta evidente e que non ten marcha atrás”, en palabras da rexedora. Nesta liña, atópase a creación da Praza da Mina no e a humanización de todo o casco urbano, coa apertura dunha nova rúa e 500 novas prazas de aparcamento e a reforma e urbanización da Praza do Seixo.

 

 

O avance na extensión da rede de saneamento e obras coma a recente reforma do Mercado Municipal, reconvertido nun centro de comercio local, e a reforma do Auditorio de Goián para Escola de Música, son outros dos proxectos relevantes levados a cabo durante a última lexislatura.

 

 

 No mencionado proceso de transformación do concello, é de salientar as melloras en servizos sociais e educación, coa construción dunha segunda escola infantil, en Goián, e o apoio decidido para a construción do Centro de Día (o único no seu tipo na comarca) e o Centro Vontade, para persoas con discapacidade.

 

 

 Proxectos coma a creación da Senda do Miño, entre Goián e Eiras (O Rosal), ou a creación do Espazo Fortaleza son outras dúas apostas decididas pola mellora do medio ambiente, dotando á zona de novos servizos e incrementando, por conseguinte, o nivel de vida dos cidadáns.

 

 

 Paralelamente ás obras, a rexedora valora o traballo feito día a día de servizo ao cidadán, especialmente en temas de interese social, emprego, formación e apoio escolar.

 

 

 

 

 

Por último é de salientar os diferentes proxectos de cooperación transfronteiriza con Vila Nova de Cerveira e a xestión de fondos Leader que, coma presidenta do grupo AGDR18, leva realizando dende hai varios anos, e a través do cal, contribuíuse á creación dun número importante de empresas na zona.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sandra González, alcaldesa de Tomiño, repite como cadidata do BNG