Sandra González preséntase oficialmente como candidata á alcaldía de Tomiño polo BNG
"Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acompañarán á candidata no acto"
Este sábado 23 de marzo Sandra González presentará en acto público no Auditorio de Goián (20.30 h) a súa concorrencia como candidata á alcaldía de Tomiño para as vindeiras eleccións locais de maio. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Miguel Anxo Fernández Lores, actual alcalde de Pontevedra e candidato á alcaldía da cidade, arrouparán á candidata neste acto público.
Este acto supón o arranque da precampaña, e seguiranlle reunións coas veciñas e veciños, asociacións, comunidades e axentes sociais co fin de presentar o proxecto e recoller as inquedanzas e preocupacións da poboación.
O proxecto de futuro para Tomiño que lidera Sandra González vén de acadar nos últimos 10 anos grandes cambios e melloras dos que moitas veciñas e veciños de Tomiño se fan eco. Tamén fóra de Tomiño é ben coñecido o desenvolvemento acadado gracias á xestión do goberno que Sandra González liderou nos últimos anos. Este proxecto de futuro para Tomiño precisa de ser consolidado e na actualidade conta con moitas iniciativas xa en curso, como a Avenida de Tomiño, a peonalización das rúas da contorna do Seixo, a remodelación da praza de Goián e o plan integral de melloras no núcleo de Goián, entre outros moitos.
A ilusión que infunde o que está por vir é a arma coa que Sandra González se enfronta ás eleccións deste ano, nas que espera renovar a confianza de veciños e veciñas de Tomiño para, todos e todas xuntos, seguir traballando por un Tomiño do que sentirse orgullosos e orgullosas.