Pontón pide renovar o apoio a Sandra González para continuar “co soño colectivo” de Tomiño

12
Sandra González, candidata do BNG á alcaldía de Tomiño

A alcaldesa declara que ten “forza, ganas e ilusión de seguir transformando o concello” convertido en referente de benestar local do que a veciñanza sente orgullo

Pontón pide renovar o apoio a Sandra González para continuar “co soño colectivo” de Tomiño

A portavoz nacional, Ana Pontón, presumiu da capacidade de xestión e de transformación en positivo dos gobernos municipais do BNG, dos que Tomiño é un claro e significativo exemplo e así o salientou na presentación da candidata a Alcaldía e actual alcaldesa, Sandra González.

“Levamos doce anos transformando en positivo a vida e a vila de Tomiño nun proceso que non pode pararse agora”, proclamou Pontón, segura de que a veciñanza manterá un apoio renovado na candidatura nacionalista o vindeiro 26 de maio “porque sabe que a alcaldesa Sandra González ten un proxecto, sabe que ten visión estratéxica, sabe que foi capaz de situar a Tomiño no mapa, de mellorar os servizos públicos e de levar adiante unha transformación que seguramente moitas persoas non soñaran”.

“Este soño que é colectivo ten que continuar avanzando, e para que iso ocorra hai que fortalecer o goberno municipal que lidera a alcaldesa, porque é a garantía de que este proceso tan ilusionante e que tanto ten mellorado a vida da xente de Tomiño poda seguir adiante”, subliñou a líder nacionalista.

A candidata e actual rexedora municipal declarou no acto de presentación sentirse “con forza, con ganas e con ilusión de seguir transformando o concello como até agora  convertido nun referente en moitos campos”. Neste sentido, destacou como exemplos o logro de ser o único municipio cun mercado de excelencia en Galiza, o traballo feito en saneamento e traída de auga ou recoñecemento de Tomiño como concello amigo da infancia, galardón que outorga UNICEF.

“Pasamos de ser unha vila case anónima a ser un Tomiño que destaca polas súas prácticas en política local”, salientou González, orgullosa do traballo do BNG man a man coa veciñanza ao longo destes anos de goberno local nacionalista. “Apostamos por seguir transformando esta vila e por iso agardamos que os veciños e as veciñas confíen no BNG para continuar neste cambio”, indicou.

No acto de presentación, que contou tamén coa participación do alcalde Pontevedra, referente fora e dentro de Galiza, tanto Pontón como González fixeron un chamamento á participación para fortalecer o apoio ao proxecto do Bloque, que marcou un antes e un despois no concello. Pasou de ser un máis na comarca a ser un municipio do que a veciñanza se sente orgulloso, do que presume. 

 

Novos proxecto para facer

A etapa de goberno de Sandra González e a súa equipa municipal deixou atrás un Tomiño parado, estancado no que non se facía nin pasaba nada, a ser un modelo tras as importantes accións de goberno que tmodernizaron a vila, agora con máis servizos, renovación urbana e dinamismo económico e social.

O BNG logrou mudar a cara do concello cun modelo urbano sustentable e pensado para as persoas tendo en conta a dimensión dun concello marcado pola dispersión, facendo unha aposta pola cohesión de todo o territorio  municipal. Tras a rexeneración do núcleo urbano agora está en proxecto o de Goián, ao que se engade unha aposta clara polo comercio local, coa referencia dun mercado municipal rehabilitado e con selo de excelencia único en todo o país.

Os logros están aí, pero a candidata salientou que hai que seguir avanzando: “Queda moito por facer, moitos proxectos e ideas que executar”, por iso pediu o apoio da veciñanza para seguir traballando para transformar en positivo Tomiño, “porque o mellor aínda está por vir”, concluíu.

Pontón pide renovar o apoio a Sandra González para continuar “co soño colectivo” de Tomiño