Montse Prado pide solucións das deficiencias do PAC e do Centro de Saúde de Tui

MONTSE PRADO  COMISION SANIDADE
Montse Prado na Comisión de Sanidade

"Prado reclama da Xunta a solución das deficiencias que acumulan tanto o PAC como o centro de saúde de Tui"

Montse Prado pide solucións das deficiencias do PAC e do Centro de Saúde de Tui

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, levou ao Parlamento unha iniciativa para reclamar da Xunta a solución das deficiencias que acumulan tanto o PAC como o centro de saúde de Tui, e que dificulta tanto o traballo dos e das profesionais sanitarias como prexudica ás persoas usuarias.

Prado atribuíu ao “desleixo do SERGAS e da Xunta” a situación de deterioro dunhas instalacións que foron inauguradas con precipitación por motivos electorais do PP, e que desde a súa apertura teñen problemas que causan inconvenientes tanto aos usuarios como aos profesionais. “Ata se cuestionou a súa ubicación e  a día de hoxe aínda carecen de licencia de primeira ocupación”, denuncia a deputada.

 

“Non é normal que tras un ano da posta en funcionamento do PAC e oito meses do centro de saúde segan sen solventarse as carencias”, indicou Prado, que citou a modo de exemplo das reclamacións do persoal sanitario, “a sala de espera insuficiente, que ten a metade de superficie da instalación anterior  o que provoca que as persoas usuarias teñan que estar nos corredores, amoreada ou esperando fora”, indicou a deputada. “É de supoñer que se se fai unhas instalacións novas son para mellorar, é unha premisa básica, as cousas fanse para estar mellor non para empeorar”, recalcou.

A pésima localización dos servizos para o persoal, unha zona de vestiarios e de descanso do persoal do PAC con olores a sumidoiro e nunha planta diferente á que se presta á atención aos doentes, portas que xeran correntes de aire nocivas, forman parte dunha suma de problemas que deben ser solucionadas, explicou Prado.

“Con vontade política deberían solucionarse este conxunto de deficiencias para o PAC e o centro de saúde de Tui, xa que non requiren un gran orzamento pero si facilitan o traballo diario dos e das profesionais así como a atención ás persoas doentes”, concluíu Prado, quen avanzou novas iniciativas parlamentarias do BNG ante a negativa do PP a dar unha solución ás demandas do persoal destas instalacións sanitarias de Tui.


Preme nas imaxes para escoitar:

 

 

 

 

Montse Prado pide solucións das deficiencias do PAC e do Centro de Saúde de Tui