Ángel Baz: "Nunca existiu unha proposta de pacto de goberno por parte do PSOE da Guarda"
O PSOE manifestou ao BNG a súa intención de gobernar en minoría, polo que é incomprensible que agora pretenda romper unha negociación que non existiu
Ante as manifestacións aparecidas en prensa por parte do PSOE guardés, o Bloque Nacionalista Galego ve necesario aclarar a realidade dos contactos producidos entre as dúas organizacións.
O BNG foi convocado a dúas reunións polo PSOE. Na primeira reunión os representantes do PSOE, entre os que se atopaba o xa alcalde Antonio Lomba, aseguraron non ter nada que dicir sobre o futuro goberno da Guarda e preguntaron ao BNG sobre a súa visión do novo goberno.
A resposta do BNG foi clara: a responsabilidade de formar goberno correspóndelle ao candidato do PSOE, que conta con 7 concelleiros, e estamos dispostos a escoitar as súas propostas, mais non lle corresponde ao BNG a tarefa de formar un goberno cando nin sequera sabemos se o PSOE pretende gobernar en minoría como fixo os últimos catro anos ou buscar un pacto de goberno para a Guarda.
Ante a indefinición do PSOE e a ausencia dunha proposta dase por rematada a reunión deixando claro que en canto o PSOE teña algunha proposta que facer o BNG estará disposto a reunirse novamente.
Na segunda reunión o primeiro que manifesta o PSOE é a súa intención de gobernar en minoría. Partindo desta base queda clara a vontade do PSOE de non negociar un pacto de goberno e gobernar en solitario.
"Onde ve o grupo do PSOE a negociación dun pacto de goberno co BNG cando manifesta a súa vontade de gobernar en solitario? Se nalgún momento o PSOE chegou a iniciar algún tipo de negociación de goberno dende logo non foi co BNG" declarou o portavoz municipal nacionalista Ángel Baz.
Nas declaracións aparecidas nos medios de comunicación o PSOE fai referencia a unha "proposta detallada" que lle presentou ao grupo nacionalista sobre a que empezar a achegar posturas. No seu momento o BNG xa fixo pública a súa opinión sobre a diferencia insalvable de prioridades que se reflicte nesa lista, mais se agora o PSOE describe esa lista como "detallada" o BNG ten que manifestar a súa profunda preocupación sobre a visión que o PSOE ten das prioridades da Guarda.
"Como é posible que alguén que aspira a gobernar o concello nestes tempos inclúa na súa "proposta detallada" as dedicacións exclusivas e parciais do seu equipo de goberno e esqueza a promoción de emprego, os servizos sociais ou calquera medida dirixida aos que máis están a sufrir os efectos da crise na que estamos inmersos? manifestou Ángel Baz.
Dende o BNG entenden que a proposta presentada estea aberta ás achegas que o BNG poida aportar, e dende logo porán todo o seu esforzo para que estas cuestións de caracter social pasen ao primeiro plano no Concello da Guarda. O que consideran lamentable é que teña que ser o BNG dende a oposición quen lle lembre ao Alcalde da Guarda que as necesidades básicas das veciñas e veciños que peor o están a pasar deben ter cabida na súa "lista de mínimos" por riba das adicacións exclusivas que van cobrar os membros do seu goberno.